Ponteareas | Dinamizar a economía e potenciar a hostalaría local son dous dos obxectivos que persegue a concellería de Comercio do Concello de Ponteareas que onte mantivo unha reunión co sector hostaleiro para avaliar diferentes accións de cara ao segundo trimestre do ano.
Explica Ricardo González, edil de Comercio, que no encontro xa se perfilaron as bases dunha nova edición da exitosa degustación de almorzos “Saborotea” e adianta xa as datas, do 25 de abril ao 1 de xuño. As novidades que introducirá Saborotea nesta segunda edición foron tamén un punto importante da orde do día e xuntos decidiron dar especial protagonismo a un dos pratos principais dos almorzos, o café. O Concello informará en próximos días dos prazos e procedemento para participar e anunciará a data de presentación na que se desvelarán as novidades, as categorías, os premios e os descontos e agasallos dos que se beneficiará a clientela.
Entre as cuestións sobre as que se traballaron no encontro de onte, tamén están as actividades a desenvolver no mes de Corpus e iniciativas que poidan promover a hostalaría local ao longo do ano.
“Apostamos por traballar de xeito conxunto, escoitando as necesidades, establecendo calendarios consensuados cos locais de hostalaría e promovendo accións que ademais fomenten o encontro e compartir”, sinala Ricardo González ao tempo que suliña a boa acollida que tivo o Saborotea na súa primeira edición sendo quen de xerar interese e conversa arredor da experiencia dos distintos desaiunos servidos. “O maior logro de Saborotea foi crear unha expectativa, suscitar curiosidade e provocar que as persoas compartiran a súa experiencia cos seus achegados e todo isto tamén foi porque a hostalaría se esforzou e fixo gala de creatividade e calidade. Por iso este ano convidámolos a sumarse e a innovar porque sempre ten premio”.
A alcaldesa, Nava Castro, felicita ao concelleiro por esta iniciativa e tamén a hostalaría por manterse abertos a colaborar e a deseñar produtos que resulten atractivos á cidadanía, tamén os convida a seguir formándose e explorando técnicas e novidades que poden ser extrapolables a Ponteareas para poder consolidar este tipo de iniciativas q dinamizan e incentivan o consumo local.