Ponteareas | A crise do Covid-19 impide celebrar o Corpus Christi como se leva facendo en Ponteareas dende a segunda metade do século XIX, coa confección de alfombras de flores nas rúas e prazas polas que trancorre a procesión. A pesares desta situación, a imaxinación e iniciativa de alfombristas, goberno e Corporación municipal farán posible que se siga conmemorando esta data e divulgando esta fonda tradición, segundo confirmaron nunha reunión celebrada este luns.
O sábado 13 lectura do pregón polo escritor Alfonso Pexegueiro e percorrido polos balcóns engalanados das rúas do Corpus que será retransmitido pola canle YouTube do Concello
Neste sentido acordouse convidar a vivir o Corpus desde os balcóns das vivendas, cun conxunto de actos que serán retransmitidos “online” para que todas e todos os veciños participen e engalanen os balcóns, terrazas e fachadas con motivos alusivos aos Corpus e as súas alfombras de flores.
“Desde o Concello e conxuntamente cos e coas alfombristas, queremos celebrar o Corpus 2020 dun xeito especial; farémolo desde os balcóns, lucindo flores e os materiais que habitualmente utilizamos nas alfombras, engalanando os balcóns e as fachadas, dando así vida á festividade do Corpus Christi, declarada de Interese Turístico Internacional e impregnando as rúas para revivir o arrecendo das alfombras doutros anos”, manifestou o alcalde, Xosé Represas.
O Concello pon ao servizo dos e das alfombristas os medios para que se poida sentir neste ano tamén o Corpus, aínda que sexa de forma ben distinta á tradición.
Alfombristas e Concello convidan á poboación infantil á realizar nas súas casas as súas creacións de “alfombras” e a compartilas nas redes sociais
Ademais, mantense a edición da revista Pregón, aínda que cun formato distinto ao habitual, a revista será presentada o sábado 13, nun acto co aforo acotado e por convite para garantir a distancia interpersoal no que se dará lectura ao pregón por parte do escritor Alfonso Pexegueiro. O acto será emitido en directo dende a canle oficial de Youtube do concello de Ponteareas
A continuación, a partir das 22 horas, farase un percorrido polas rúas engalanadas coa participación dun grupo musical de ruada acompañando á actriz Isabel Risco que se dirixirá aos espectadores online e animando á veciñanza a saír ao balcón e a participar na emisión en directo intervindo a través dun micro-pértiga.
Ao remate do percorrido polas rúas do Corpus cos balcóns e fachadas engalanadas, emitiranse videos de arquivos históricos das alfombras das últimas décadas.
Unha vez remate da emisión en directo, a programación estará dispoñible para que calquera persoa poida volver a visualizala.
O luns día 15, festivo local, celebrarase a habitual homenaxe aos alfombristas falecidos, despositando un ramo de flores na escultura que os lembra.
As actividades programadas contan co apoio da Deputación de Pontevedra, mediante un convenio de 8.000 euros para a celebración do Corpus Christi, Festa Declarada de Interese Turístico Internacional