Ponteareas | Como cada 21 de marzo, este domingo conmemórase o Día Mundial da Poesía. Por este motivo, as Concellarías de Cultura e de Lingua do Concello de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, organizan un espectáculo poético-musical e humorístico protagonizado polo dúo Aldaolado.
Dende as 18 horas, a música e a poesía de Lucía Aldao e María Lado apoderaranse do escenario da sala multiúsos do Auditorio Municipal. No espectáculo, titulado “Epístola ás neofalantes”, ambas as poetas válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
O edil de Cultura e de Lingua lembra que o aforo é limitado, e as persoas que o desexen poden reservar a súa entrada no enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal, para gozar da combinación de recital de poesía, música en directo, interacción co público e improvisación característica dos espectáculos de Aldaolado.