Ponteareas clama por solucións para a seguridade na N-120

A Corporación Municipal e a Plataforma pola N-120 repartirán información á cidadanía

Ponteareas | Os voceiro/as de tódolos partidos políticos que forman parte da Corporación Municipal de Ponteareas (PP, ACiP, BNG, PSdeG-PSOE e IP) xunto coa Plataforma pola Defensa da Seguridade na N-120 realizarán este sábado 11 de xaneiro un acto de repartición de información para a mellora da seguridade na N-120, dirixida á cidadanía e medios de comunicación.

Posteriormente se celebrará unha xuntanza no centro cultural de Xinzo ás 20:00 horas para deseñar accións de presión para urxir ao Estado que acometa as obras de mellora da seguridade nese tramo.

Ademais, Plataforma e Corporación piden a participación da cidadanía no pleno que se convocará para o vindeiro 17 de xaneiro cun único punto na orde do día, acadar un acordo municipal para esixir ao Ministerio de Transportes a licitación das obras da N-120. Unha vez celebrado o pleno darase lectura ao manifesto e terá lugar a concentración que reclamará ao Estado rematar coa perigosidade dun tramo que discorre por unha zona de alta densidade de poboación e tráfico denso no que conviven peóns e vehículos.

A Plataforma e grupos da Corporación chaman á mobilización e difundirán a través das casas e centros culturais das parroquias información convidando a participar nas diferentes accións que promoverán.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.