Este obradoiro de emprego, cun investimento de 220.000 euros, permitiu a formación e traballo nos eidos de atención socio sanitaria e albanelería durante 6 meses
Ponteareas | O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presidiu hoxe o acto de clausura e entrega de diplomas aos alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego ‘Compromiso Social II’ que se desenvolveu dende o pasado 22 de setembro nas especialidades de Atención Socio Sanitaria a persoas no domicilio e Fábricas de albanelería e que contaba co cofinanciamento de case 220.000 eruos da Xunta de Galicia e o propio Concello de Ponteareas.
Foron en total 20 persoas en situación de desemprego, 10 mulleres e 10 homes, os que puideron beneficiarse das actividades deste obradoiro en calidade de alumnas/os traballadoras/es, o que amais de permitirlles acadar unha boa cualificación profesional nas materias impartidas, ─alternando as clases teóricas coa realización de prácticas─, posibilitoulles contar cun contrato de traballo durante os seis meses que durou o Obradoiro de Emprego.
Xosé Represas agradeceu a presenza do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e manifestou que “visto o resultado acadado tanto na rama de atención socio sanitaria, como na de albanelería, poden sentirse orgullosos tanto o alumnado, como o equipo directivo e profesorado do obradoiro”. E engadiu que “o Goberno de Ponteareas vai seguir traballando en todas as súas áreas para tentar reducir a alta taxa de desemprego de Ponteareas”
Atención Socio Sanitaria a persoas no domicilio
No caso de Atención Socio Sanitaria a persoas no domicilio, as nove alumnas e un alumno que participaban nesta especialidade, desenvolveron as súas prácticas atendendo a un total de 49 usuarios e usuarias deste servizo, amais, coñecendo de preto o funcionamento do comedor social.
O curso permitiulles adquirir coñecementos avanzados de prestación de axuda en actividades de hixiene e atención sanitaria domiciliaria, apoio psicosocial domiciliario, apoio domiciliario e alimentación familiar e integración e comunicación no centro de traballo.
Fábricas de albanelería
Outras dez persoas participaron neste módulo (nove homes e unha muller), que permitiu aos participantes adquirir os coñecementos precisos para desenvolver calquera tipo de traballo de albanelería. As clases teóricas, foron complementadas cos traballos de campo que se desenvolveron tanto nas instalacións da Feira Vella como no acondicionamento das Casas dos Mestres nº 2 e nº 5.
Os traballos desenvolvidos nas dúas Casas dos Mestres, fan que estas vivendas queden perfectamente habilitadas para ser utilizadas polo concello en casos de Emerxencia Social.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou xa que o Goberno que preside “solicitará á Xunta de Galicia a realización dun novo obradoiro de emprego”. Represas asegurou que “dentro das poucas competencias que as administración locais temos, atópase á da formación e nela estamos a poñer todos os nosos esforzos”.
Represas amosou o sen convencemento de que “unha boa formación teórico-práctica, como a que ofrecen estes obradoiros, é fundamental para mellorar as posibilidades de emprego dos e das participantes nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.