Ponteareas contra o sedentarismo

Centros educativos e servizos sociais participan en programa piloto “HEALTH4EUkids

Ponteareas | Cada movemento conta e suma e cada acción de promoción de hábitos de vida saudables supón un avance, así introducíu a concelleira de Saúde e Benestar Social, Raquel Plana, a última mesa da saúde que o Concello de Ponteareas organiza de xeito periódico e estable para aprender, afondar e establecer accións e medidas que melloren a saúde das persoas no Concello de Ponteareas.

O Concello de Ponteareas está inmerso xunto aos centros educativos locais no programa piloto “HEALTH4EUkids” que se basea na aplicación dunha boa práctica que tivo lugar en Alemaña e que agora varios países reproducen a nivel local. O proxecto está cofinanciado pola Comisión Europea e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Conselleria de Sanidade co obxectivo de xerar un estilo de vida saudable en menores de 6 a 12 anos involucrando á cidadanía representada a través do Concello, centros educativos, colectivos e asociacións para afrontar a obesidade infantil, unha enfermidade que xera un factor de risco de diabetes, problemas cardiovasculares, hipertensión ou problemas hormonais nos nosos adolescentes.

Nesta última sesión, orientadoras escolares dos centros, COGAMI, servizo de Atención Temperá, educadoras sociais municipais, Escola Infantil e Fundación Secretariado Xitano, todas elas da rede local de saúde, avaliaron xunto a Carolina Muñoz Ibánez, xefa de servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Conselleria de Sanidade, e Uxía Rodríguez e Germán Molina, da REDE galega de promoción da saude, a situación actual e as accións a realizar nos centros educativos. Entre algunhas das establecidas está a creación dun espazo na web municipal no que recoller recursos e información útil como un mapa de activos participativo e online que recolla os espazos e infraestruturas públicas nas que poder desenvolver actividade física ou de lecer. Ademais crearanse grupos que manterán actualizado os recursos da web con fotografías e suxestións de activos para a saúde. Outras das prioridades recollidas é xerar espazos para xogos.

Pero ademais destas cuestións prácticas tamén se organizarán xornadas teóricas como o taller “plato Harvard” con clases teóricas para deseñar menús saudables, clases prácticas de recreación en debuxo dun menú saudable e entrega de material informativo. Outra das clases teóricas versará sobre o etiquetado nutricional coa análise da composición de diferentes alimentos.

O concelleiro de Ensino, Ricardo González, explica que nos centros educativos participantes implantaranse os descansos activos nas aulas con clases teóricas pero tamén prácticas nas que cinco minutos antes de cada clase se poidan realizar exercizos físicos acompañado todo isto de exercizos de estiramento, hixiene postural, relaxación e mellora da concentración.

Ademais o concelleiro de Ensino adiantou que a Semana das Ciencias terá lugar os días 24 e 25 de abril e acollerá iniciativas propias do HEALTHEUKids.

Cos datos na man o equipo da Consellería concluíu que é indispensable a mellora do entorno alimentario facilitando o acceso a produtos saudables e reducindo a oferta de produtos non saudables; ofrecer infraestruturas que favorezan a mobilidade activa como carrís bici e zonas de lecer saudables e programar actividades interxeracionais que aborden a hixiene, o sono ou o abuso de pantallas. Ademais consideran que se debe establecer unha campaña informativa sobre os activos sanitarios no municipio.

Nesta última cita coa saúde tamén escoitaron a Miguel del Corral da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia que presentou o proxecto “Vida activa e deportiva” (PVAD) e animou a traballar no ámbito escolar para chegar a un maior número de poboación. Del Corral compartíu datos que configuran a situación actual. Así, trasladou que case 1800 millóns de adultos (o 31%) non practican actividade física, ou máis concretamente, non cumpren as recomendacións mundiais de realizar unha actividade física moderada durante polo menos 150 minutos á semana. O nivel de inactividade incrementouse cinco puntos porcentuais desde 2010 e o 81% dos adolescentes (de 11 a 17 anos) non realizan actividade física sendo as adolescentes menos activas que os mozos.

Dende a Fundación Deporte Galego aconsellan reducir os tempos de actividade sedentaria, realizar actividade física de intensidade moderada a vigorosa, principalmente aeróbica, 60 minutos ao día e ao menos 3 días á semana actividades aeróbicas de intensidade vigorosa que reforcen os músculos e osos. Na súa exposición revelou que o 80% dos escolares galegos realiza exclusivamente a súa actividade física no centro educativo. Sobre a base de que a actividade física na etapa infanto-xuvenil ten efectos a medio prazo en relación ao sono, ás relacións sociais e á concentración, entre outros aspectos.

Por último a mesa da saúde de Ponteareas contou coa participación da Fundación Secretariado Xitano (FSX), unha entidade social intercultural sen ánimo de lucro que presta servizos para o desenrolo da comunidade xitana en España e no ámbito europeo. Da man de Natalia Gómez e Andrea Jales presentaron os programas desenvoltos para a formación, acceso ao emprego, igualdade consumo de substancias e loita contra a pobreza, entre outros moitos postos en marcha con balance positivo. Carolina Muñoz explica que hoxe en Ponteareas unimos dous proxectos europeos, para xerar sinerxias, para intervir nos determinantes sociais da saúde, claves na prevención do sobrepeso e Obesidade. Estes proxectos enmárcanse dentro do Plan Obesidade Zero de Galicia 2022-2030, que foi aprobado no Parlamento de Galicia en setembro de 2022.

Deixa unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.