Ponteareas | O Alcalde de Ponteareas convoca a todas as comunidades de montes a unha reunión informativa e participativa este venres día 26 de Xaneiro ás 20 horas no salón de plenos da casa do concello.
Seguindo na liña da colaboración coas comunidades veciñais de montes en man común, iniciada neste mandato do goberno municipal de Ponteareas, o Alcalde, Xosé Represas, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, falarán da creación dos parques forestais e das axudas da Deputación provincial a través do plan concellos; tamén darán conta das axudas aprobadas no 2017 e a aportación municipal e tratarán a nova convocatoria de subvencións para o 2018.
Neste sentido o Alcalde lembra que a Deputación de Pontevedra aceptou a solicitude de Ponteareas para a creación de Parques Forestais en terreos de montes veciñais en man común por un importe total de 124.132,78, do que recibirán unha axuda de 99.307 euros, o 80% do total, nesta primeira convocatoria de achegas da Deputación. O Concello aportará un total de 24.825€.
Esta actuación é consecuencia do compromiso do alcalde, Xosé Represas, e do concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, de convertir A Picaraña nun gran parque forestal. Á financiación da Deputación o goberno local terá que sumar unha aportación do vinte por cento do importe total do primeiro plan de actuacións.
O Concello de Ponteareas xa dera no pasado ano, coa aprobación en Pleno dun convenio de colaboración as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Ponteareas, Arcos, Bugarín e San Lourenzo de Oliveira, o primeiro paso para recuperar A Picaraña a nivel medioambiental, convertindoo nun lugar de referencia para o ocio e o esparcimento do ponteareáns, pondo en valor os elementos culturais e naturais dentro da oferta turística de Ponteareas.
O goberno local tamén prevé mellorar os espazos de lecer nas áreas forestais, en colaboración coas Comunidades de Montes, e neste sentido logrou tamén axuda da Deputación para mellorar á área forestal de San Cibrán-Muíños de Couso, nos montes veciñais de Guláns e Couso, e para financiar o Plan do parque forestal Viveiro-Seixiforna nos montes veciñais de Ribadetea e Xinzo
Represas manifestou que estas iniciativas irá en beneficio de todos, “dos veciños destas parroquias e tamén da veciñanza en xeral” e que nos vindeiros anos tratará de incorporar outros espazos de parques forestais nas diferentes comunidades de montes.
Nesta reunión tamén trasladarán ás comunidades de montes o inventario e estudo da rede de defensa contra os incendios (Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais) para o que contaron e contarán coa participación de todos os propietarios e comuneiros.
Así mesmo, porán enriba da mesa o proxecto da Rede Calor con biomasa, as xornadas divulgativas da biomasa en Ponteareas e a valorización e importancia dos montes veciñais para a sociedade.
A Picaraña
Na actualidade A Picaraña dispón de dúas rutas de sendeirismo homologadas, varias pistas de descenso de BTT, varias áreas recreativas así como elementos de atractivo turístico como a Pedra do Equilibrio e, nas proximidades, o Penedo dos Namorados, ademais de varios xacementos castrexos. Algunhas comunidades como a de Arcos teñen proxectos xa elaborados para actuacións arqueolóxicas, creación dunha senda micolóxica ou a habilitación dunha zona de escalada.
O alcalde sinalou que o seu obxectivo é “axudar ás comunidades de montes a dar un cambio definitivo ao monte da Picaraña e convertelo no gran parque forestal que Ponteareas precisa”.