Ponteareas | O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) vén de publicar as bases polas que se rexerá o VII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, co que o concello ponteareán quere lembrar o nacemento, na vila do Tea, do ilustre polígrafo e poeta.
Trátase, segundo a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, “honrar a súa memoria e sobre todo o seu traballo de investigación sobre a cultura deste país”. Paralelamente, matiza a responsable de Cultura do Concello de Ponteareas, “o premio permite promover a investigación científica sobre Ponteareas e a comarca do Condado, co que iso supón de afondamento na nosa identidade cultural”.
O premio, segundo sinalan as bases publicadas, está aberto aos proxectos de investigación científica nos eidos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais e que, obrigatoriamente, terán que ter como referente o municipio de Ponteareas e, complementariamente, a comarca do Condado.
Dado que o premio outorgase a un proxecto de investigación ─de feito dos 3.000 euros de premio, o 25% entrégase unha vez fallado o premio e o outro 75% restante á entrega do traballo de investigación─ dito proxecto debe presentarse cunha memoria onde figuren os obxectivos, metodoloxía, periodización, recursos a empregar, e temporalización do traballo, entre outros.
As propostas de investigación, deberán ser rigorosamente inéditas e a súa presentación farase con carácter anónimo, e por quintuplicado, cunha plica onde figuren os datos do autor: copia do DNI, datos persoais, enderezo e teléfono de contacto do participante.
Unha vez fallado o premio, que poderá ser declarado deserto polo xurado, a organización resérvase todos os dereitos sobre o proxecto premiado, incluíndo o de publicación sen limitación de exemplares, que será editado en lingua galega.
O xurado estará formado polo Alcalde-Presidente do Concello de Ponteareas; a Concelleira de Cultura; un representante do Consello da Cultura Galega; un representante do Instituto de Estudios Galegos ‘Padre Sarmiento’; un representante da Universidade de Vigo e un representante do Consello Galego de Museos, actuando como secretario do mesmo o auxiliar do Museo Municipal de Ponteareas.
Dito xurado, amais de valorar distintos apartados da Memoria do Proxecto como obxectivos, metodoloxía e plan de traballo, fará un seguimento continuado do desenvolvemento da execución do proxecto de investigación, podendo anular a continuidade do traballo se considera que non se cumpren as fases de execución ou os obxectivos enunciados no proxecto.
As bases, na túa totalidade, poden ser consultadas no BOPPO do 25 de maio.