Ponteareas | A petición do BNG, PSOE e Ponteareas en Común (PeC), o último pleno municipal do mes de febreiro no Concello de Ponteareas debateu a solicitude realizada polo clube Taninos Runners de ampliar a pista de atletismo de 200 a 400 metros.
Tras un acalorado debate, por momentos sumamente tenso, o pleno aprobou cos votos a favor dos membros do goberno local a creación dunha Comisión para replantear o proxecto da pista de atletismo, ante as protestas da oposición que esixiron que o que se tiña que votar era a ampliación da mesma, criticando o que consideraron como alteracións das negociacións sobre o que se debía debater e a quenda de intervencións.
Durante o pleno o/as concelleiro/as portaron as respectivas camisetas verdes revindicativas e anunciaron que forzarán a realizar un pleno extraordinario sobre este tema dentro dos próximos 15 días hábiles.
O BNG considerou que ampliar a 400 metros precisa dun terreo entre 25.000 e 30.000m2, considerando insuficiente a pista actual de 200 m nun terreo de 11.000m2. Pediu unha parcela alternativa “para evitar a perda da subvención” de 1M€, propoñendo o entorno de Pardellas colocando como referencias iniciativas similares realizadas no Porriño, A Estrada e Vicedo. Tamén solicitaron a creación dunha Escola de Atletismo para facer de Ponteareas unha “referencia do atletismo no Condado”.
A oposición cualificou este pleno de “bochornoso” e “esperpéntico” ante o que consideraron como “actitudes antidemocráticas” por parte da Alcaldesa Nava Castro. O PeC incluso indicou que “algo raro existía” ante a inasistencia no debate do concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez Sousa, suxerindo un posible “pelotazo”.
Na súa intervención, ACiP defendeu o “investimento pioneiro” na pista de 200m argumentando que “non hai posibilidade de atopar outro terreo”. Nun rifirrafe cos membros do clube presentes no público, a Alcaldesa indicou que, no caso de buscar unha nova parcela, precísase de “ano e medio para modificar os usos do PXOM” e que o Concello disponía “só dun mes” para presentar este proxecto. Informou igualmente que a Deputación aprobará esta iniciativa en pleno provincial.
O pleno tamén aprobou o novo contrato para o Servizo de Atención ao Fogar (SAF), que conta cun investimento de 5.984.640€ pero que provocou fortes protestas por parte das súas traballadoras presentes dentro do público. Tamén foi obxecto de debate a seguridade viaria no IES do Barral e un novo regulamento para os plenos.