Ponteareas/EU | ESQUERDA UNIDA levou ao pleno municipal do 18 de abril a proposta de iniciar a elaboración dun Regulamento Orgánico Municipal para Ponteareas. Estes regulamentos xa estaban contemplados no Regulamento de Organización e Funcionamento das entidades locais aprobado no ano 1986 e a día de hoxe practicamente todos os concellos dispoñen do seu propio. Por este motivo, EUnida considera que o feito de que en Ponteareas non se dispoña a dia de hoxe dun Regulamento Orgánico Municipal é unha anomalía máis deste Concello, coma o feito de que non se dispoña tampouco dun inventario municipal actualizado dende os anos 50 do pasado século.
Con esta proposta, trátase de establecer unha normativa para facer mais eficiente a institución e regular todo o relativo ao funcionamento político da mesma, de xeito que non se repitan continuamente os problemas actuais que fan que, por exemplo, en case ningún Pleno Municipal se cheguen a tratar todos os puntos da Orde do Día.
A proposta de ESQUERDA UNIDA foi acompañada dun borrador de Regulamento Orgánico que no prazo de tres meses deberá ser consensuado entre todos os grupos da Corporación. Neste borrador, contémplanse cuestións coma o Funcionamento do Pleno, o Tratamento e Sistema de Votación dos Asuntos, o Control do Goberno e os Dereitos eDeberes dos Concelleiros e Concelleiras.
Lino Costas, concelleiro de EU-son, considera que este documento debe chegar para quedarse e para funcionar e ser respectado. Por iso a proposta foi a de iniciar o proceso de elaboración entre todos os grupos da corporación municipal, de xeito que todos e cada un deles se comprometa co mesmo.
ESQUERDA UNIDA agarda asimesmo que se solucionen os problemas de pésimo comportamento derivados dos conflitos entre partidos.