Ponteareas | A segunda e última xornada da VII edición das Convergências Portugal – Galiza contará cun concerto en Ponteareas protagonizado polo grupo Canto D’Aqui e o Grupo Folclórico da Universidade de Minho.
No marco das Xornadas o próximo domingo, día 9 de maio, a partir das 20 horas, desenvolverase, na sala multiúsos do auditorio municipal a actuación protagonizada polas dúas agrupacións titulada “Cancións de abril e polifonías tradicionais do Minho” para homenaxear a Rosalía de Castro, ao Zeca Afonso e, este ano, tamén a Alfredo Guisado.
O grupo folclórico da Universidade do Minho foi fundado no ano 1993, cos obxectivos de recollida, preservación e divulgación da cultura popular do Baixo Minho. Coa recuperación dos traxes, os cantos e os bailes na fin do século XIX e comezos do XX, tentan espertar, na mocidade, o seu respecto e a súa revalorización.
O grupo Canto D’Aqui pretende levar o público a unha viaxe musical polo “25 de abril” e lembrar aqueles que cantaron e impulsaron, a través da música, a revolución que marcou a historia da república portuguesa.
“Este concerto achega a Ponteareas músicas de sonoridade e cariz tradicional coa participación de dúas agrupacións da cidade de Braga, antiga capital da Gallaecia, e é unha homenaxe aos que marcaron unha época, lembrando a Zeca Afonso, Adriano Correia de Oliveira ou Vitorino, entre outros” afirma Fernando Groba, responsábel da Concellaría de Cultura.
Para asistir a esta actividade, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal.