“De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.
A finais da década dos 80 Ponteareas era, no sociopolítico, un pobo refén aínda dos valores e dinámicas da ditadura extinguida formalmente apenas 15 anos antes. Para as persoas con conciencia democrática, e xa non digamos para as vítimas do golpe de Estado de 1936 e de 40 anos de ditadura, a atmosfera era irrespirábel. José Castro, alcalde dende a ditadura franquista, continuaba exercendo un poder omnímodo, habilmente camuflado na democracia, e estendendo o seu control cunha enorme rede clientelar baseada na compra de vontades mediante favores, moitos ilegais, en forma de colocación a dedo na función pública, nepotismo, contratos directos a empresas amigas ou un urbanismo salvaxe e ilegal ao servizo de construtores convertidos en novos ricos a costa do interese xeral. Cunha oposición exigua e ineficaz, Ponteareas amosaba un encefalograma político plano e unha parte importante da sociedade ponteareá estaba instalada na resignación convencida de que Castro gobernaría até o fin dos tempos.
En 1990 unha nova xeración irrumpíu naquel escenario que parecía imperturbábel e case da noite á mañá, cun ritmo vertixinoso, organizámonos primeiro como Grupo Ecoloxista Adenco e Asociación Cultural Irmanciños da Fala e, pouco despois, como Bloque Nacionalista Galego. Non eramos moitos, apenas uns vinte, estudantes universitarios, algúns xa traballadores, todos ávidos por cambiar o mundo. Nesa ansia transformadora liderabamos sindicatos estudantís nas facultades, devorabamos bibliografía política e publicacións das organizacións que loitaban por calquera causa xusta, acudiamos a canto acto ou conferencia nos servise para aprender e descubrir, participabamos en canta mobilización se celebrase, xa fora contra a primeira guerra de Iraq, contra o quinto centenario do “descubrimento” de América ou contra o servizo militar obrigatorio. Como obxectores de conciencia e insubmisos, fomos a xeración que, recibindo máis dun porrazo en Compostela, rematamos coa mili.
“En 1990 unha nova xeración irrumpíu naquel escenario que parecía imperturbábel”
Organizados en Ponteareas ao redor do ecoloxismo e a cultura o alcalde franquista non deu crédito e a guerra se desatou. Resistimos a toda presión, represión, ameaza e ataques. Soportamos a persecución dunha policía municipal política ás ordes do dictadorzuelo que reprimía a liberdade de expresión arrincando os nosos carteis e retirando pola forza os nosos postos informativos; aturamos ameazas mafiosas: “cualquier día los nervios no estarán tan templados”, dicía José Castro na súa televisión logo de que un dos seus concelleiros fora condenado por ameazarnos gravemente. Para amedrentarnos, sufriamos denuncias que a min me levaron 18 veces a xuizo con acusacións falsas das que sempre fun absolto. Insultos, ameazas, difamacións, represión, agresións… esa era a política que exercía o Partido Popular con José Castro de alcalde e logo con Juan Carlos González Carrera de concelleiro.
Manterse no poder era unha obsesión da dereita na que todo valía: dende ocultar a contaminación das praias fluviais permitindo que a xente puxera en perigo a súa saúde até empregar a violencia física para esconder os seus manexos das contas públicas. En 1995, como concelleiro, fun agredido fisicamente por policías locais, logo condeados xudicialmente, e que cumprían as ordes de Castro para impedirme o acceso ás contas municipais. Juan Carlos González era membro dese goberno que agredía aos adversarios políticos. Agora vende outro produto para convencer aos que non o coñecen e conseguir o seu voto.
A ansia represiva non tiña límites. En 2004 José Castro pedíu en xuizo a miña prisión provisional e 18 anos de cárcere por pecharnos no 2000 no seu despacho da alcaldía para reclamar a reanudación dun pleno que el mesmo suspendera aos 30 segundos de iniciarse. Nava Castro e Juan Carlos González eran concelleiros dese alcalde e goberno e aplaudían esa persecución que rematou en absolución. Os dous queren regresar a ese despacho cos votos dos que xa os apoiaban daquela, pero tamén dos que non teñen nin idea de como as gastaban porque aínda non naceran.
Toda esa xenreira e inquina dos Castro e dos seus satélites como Juan Carlos González tiña unha razón de ser: éramos unha ameaza para o seu tinglado, que significaba para moitos deles o seu medio de vida. Un tinglado sustentado en toda clase de corrupción: ducias de persoas enchufadas no Concello; unha televisión municipal dirixida a dedo polo xenro de José Castro e cuñado de Nava Castro, inspirada no NO-DO franquista, con máis persoal que a TVE en Galicia, na que se enterraron millóns de euros; o impago sistemático da seguridade social do persoal municipal, dos préstamos e das débedas cos acreedores que levaron ao Concello á bancarrota; e os favores urbanísticos e o expolio dun pobo que foi destrozado para edificar até o último centímetro e enriquecer obscenamente a verdadeiros fanfarróns. O tinglado retroalimentábase e os favorecidos por toda esa corrupción eran ao mesmo tempo infantería e financiamento para as campañas electorais ás que a dereita acudía dopada ilexítima e antidemocráticamente. Todo isto era e son politicamente Nava Castro e Juan Carlos González. Que non o esquezan os que o viviron e que tomen nota os máis novos que agora poden ver neles pel de cordeiro.
En 1997 presentei en nome do BNG unha querela contra José Castro e o seu goberno anterior a 1995 pola colocación a dedo no Concello de 60 familiares e membros do partido. En 2004 o Tribunal Supremo condeou a 10 anos de inhabilitación a Castro e a sete anos a cada membro do seu goberno, entre eles outro dos seus fillos, Juan José, por prevaricación continuada, dando por probada a contratación ilegal do persoal. Juan Carlos González Carrera salvouse por que entrara no Concello en 1995. Pepe Castro, aquel alcalde que uns anos antes parecía imposíbel de derrotar, desapareceu definitivamente da escena política pola acción en defensa da xustiza e da honradez que emprenderamos aqueles aos que o alcalde tildara de “niñatos”.
E todo ese combate, esa loita e eses éxitos nunha carreira de fondo de moitos anos fixémolo por nós mesmos. Centos de horas adicadas a redactar e maquetar ducias de revistas e publicacións, centos de quilómetros percorridos en bici por parroquias e a pé pola vila para buzonear a información, centos de reunións onde había conflictos, un senfín de peches no Concello, manifestacións e concentracións. Daquela non había redes sociais. O cambio había que curralo. Corpo a corpo, casa a casa. Cos nosos propios e escasos recursos económicos. Con moita imaxinación. Para centos ou miles de persoas fomos a esperanza, a punta de lanza e os que puñamos a cara por eles, aínda que fora para que nola partisen. Os videos “Adenco 1990-1995. Cinco anos de ecoloxismo no Condado” e “20 anos do BNG no Concello de Ponteareas (1995-2015)”, dispoñíbeis en Youtube, son un botón de mostra dun valor incalculábel para lembrar e, no caso da xente máis nova, entender e coñecer Ponteareas, a súa historia recente e os seus protagonistas, para ben e para mal.
“Case trinta anos despois de iniciada aquela loita exemplar, a dereita ofrece como candidatos en 2023 aos protagonistas desa época infame”
Mais a mala herba nunca morre. Continua viva. Case trinta anos despois de iniciada aquela loita exemplar, a dereita ofrece como candidatos en 2023 aos protagonistas desa época infame. Varias décadas despois siguen aí os mesmos, pretendendo que a xente “resetee” e aspirando a recuperar o poder. José Castro, un alcalde franquista que nunca renegou nin condeou o fascismo e a ditadura, que sempre a defendeu e a xustificou, foi cinicamente expulsado do PP en 1999 por un Fraga que o tachou de traidor e cacique, e hoxe, con absoluta normalidade, é candidato na lista do PP que encabeza a súa filla, Nava Castro.
Unha candidata que, como alcaldesa, e xunto ao seu tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, entre 2000 e 2003 protexeu e defendeu o infame busto de Franco que presidía a Praza Maior negándose a retiralo. En Ponteareas non se presenta VOX. Non é necesario. Temos dobre versión autóctona con nostalxia do Caudillo. Agora, vinte anos despois, para limpar esas negras manchas cun bo deterxente, Nava Castro incorpora á candidatura a quen nos cantaba que estaba nunha lavadora.
Na historia da humanidade sempre houbo, hai e haberá quen aparentando o contrario se presta frívolamente a branquear e “resetear” a indignidade. Juan Carlos González, a falta de lavadora, optou por poñer a “bailotear” aos que naceron despois daquelas vilezas, coa esperanza de que o entretemento en forma de concerto de DJs desvíe a atención sobre o seu pasado. Un pasado que en realidade sigue sendo presente. En xuño de 2003 Nava Castro de alcaldesa e Juan Carlos González de tenente de alcaldesa, tras recibir a filtración de que as normas urbanísticas ían ser suspendidas, deron ducias de licenzas exprés, declaradas logo ilegais, a innumerabeis construtores, moitos ligados ao PP, que destrozaron Ponteareas, consentindo incluso a ocupación de terreos públicos con enormes garaxes privados soterrados.
Hoxe, 20 anos despois, Juan Carlos González, sen rubor nin pudor, pero ocultándollo á sociedade, vai da man cos mesmos construtores e promotores de inmobiliarias presentando conxuntamente con eles un recurso xudicial contra o novo Plan Xeral. Non é o candidato da xente nin do pobo, e moito menos independente. É o candidato de certos construtores e inmobiliarias, cuxos intereses representa e defende a través dos votos que a xente de boa fe lle entrega. A voracidade implacábel de todos eles non se saciou dabondo despois de décadas de expolio urbanístico, queren máis e para iso necesitan tumbar un plan que trouxo un novo urbanismo para Ponteareas e beneficios para a xente coa cesión de terreos para parques, aparcamentos e outras instalacións que as políticas de José Castro, Nava Castro e González Carrera nos furtaron durante décadas.
“Aporto capacidade de xestión”, repite a candidata do PP Nava Castro nestes días. Realmente compriría unha reforma da lei electoral e converter en obrigatorio para un candidato exhibir a súa vida laboral, porque a de algúns resumiríase con dúas verbas: sopa boba. Nun país cuns estándares democráticos elevados unha persoa que sempre vivíu á sombra da sopa boba da familia e do partido non só non sería elixida pola xente, senón que un mínimo pudor lle impediría postularse.
Nun país onde falsear ou inflar currículos está á orde do día, podes alardear de capacidade de xestión por ter traballado a dedo por ser “filla de” na xestión privatizada e desastrosa dun plan de fondos públicos europeos e, a partires de aí, deputada para aquí, concelleira para alá, agora alcaldesa, agora deputada en Madrid, agora directora xeral de tal a cambio de apoiar a González Solla e evitar un alcalde do BNG, despois directora xeral de cual e agora candidata en Ponteareas porque non hai quen queira selo, e despois? Despois non hai de que preocuparse: a oficina de colocación popular atopará unha solución. Presumir de capacidade de xestión cun currículo de colocacións políticas encadeadas dende hai 30 anos resulta un insulto para os milleiros de persoas, de mozos e mozas, preparados e formados con esforzo e sacrificio, sen nada regalado e con capacidade de xestión real gañada a pulso.
Que ninguén se engane: non hai tal capacidade de xestión, o único que souberon e saben xestionar con éxito e a costa dos demais é o seu sustento, o seu modo de vida e o beneficio para aqueles grupos de presión, os poderes fácticos especialmente ligados á economía urbanística e da construcción que, sen dar a cara, precisan de candidatos coma Nava Castro ou González Carrera á fronte do Concello que atendan debidamente os seus espúreos intereses. Estas eleccións son a oportunidade de reivindicar e recoñecer a aquela xeración que cambiou Ponteareas, pero tamén o intre de dar a extremaunción política definitiva aos protagonistas da historia máis negra da democracia ponteareán para que nunca máis renaza a mala herba. 30 anos despois repítese o mesmo escenario: ou os Castro ou nós. Está nas nosas mans e non podemos fallar.