PONTEAREAS | O concello procedeu nos últimos meses á dixitalización de 190.000 documentos do seu arquivo histórico. O traballo de dixitalización realizouse coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do proxecto “DepoTIC” para a dixitalización de fontes documentais, audiovisuais, gráficas e cartográficas.
As imaxes dixitalizadas representan só unha parte do voluminoso arquivo histórico municipal, composto de centos de miles de documentos que van desde 1836 até 1994, entre eles libros e actas da corporación, da xunta de goberno, resolucións da alcaldía, libros rexistro de documentación, libros de contribución rústica, libros de licenza de obras así como as series de patrimonio ou sanidade entre outras.
O alcalde Xosé Represas salientou que “os arquivos municipais son auténticos centros que custodian a memoria da sociedade, conservando documentos escritos de grande valor histórico. A súa dixitalización supón asegurar a súa conservación e facilitar o traballo de investigadores e historiadores”.
O alcalde anunciou que a intención do goberno é continuar o traballo iniciado e poder dixitalizar ao 100% o arquivo municipal, poñendo toda a documentación dixitalizada a disposición dos cidadáns, facilitando o acceso incluso a través da internet.
Represas considerou ademais “inadmisibles as dificilísimas condicións nas que traballa o arquiveiro municipal, nun espazo de apenas 4 metros cadrados”. Represas aclarou que “o goberno está tentando dar unha solución urxente a esta problemática así como á conservación en condicións apropiadas de todo o material documental do arquivo. A lamentábel situación que atopamos revela a escasa importancia que até agora se deu ao arquivo municipal e á conservación da documentación municipal”.