Ponteareas dixitalizará o Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo

O Concello investirá 130.028,00 € e abordará o proceso de actualización en dúas fases

Ponteareas | O conservatorio municipal Reveriano Soutullo afrontará o primeiro proceso de modernización e dixitalización dende a súa creación no ano 1983. O concelleiro de Ensino, Ricardo González, e a alcaldesa, Nava Castro acompañados da dirección do conservatorio presentaron ás familias o proxecto que contempla a implantacion de recursos electrónicos educativos pero tamén de xestión do centro. O obxectivo é ofrecer un ensino de calidade e rematar coa obsolescencia das actuais ferramentas así como un mellor aproveitamento das instalacións que contan con 220 alumnas/os.

“Queremos que o noso alumnado se sinta orgulloso do seu centro, que saian cunha formación actualizada, que o profesorado conte coa tecnoloxía axeitada que facilite e mellore o seu traballo e que as infraestruturas e os espazos dean resposta ás necesidades actuais”, explicaba a alcaldesa.

Este proxecto que supón un investimento total de 130.028,00 €, desenvolverase en dúas fases. Ricardo González salientou que esta importante reforma permitirá contar cun software de control e xestión específico para este tipo de centros; hardware de paneis interactivos para 24 salas (11 aulas + 13 cabinas de estudo); pedais bluetooth + trípode soporte tablet; sistema de videoconferencia para sala polivalente; sistema de control de accesos.

Entrando en detalle, o software de control e xestión ofrecerá unha plataforma integral de xestión académica, comunicación, contabilidade, xerador de horarios baseado en IA e control horario e xestión de ausencias.

O hardware, ademais dos paneis interactivos e dos pedais completarase cun sistema para controlar o paso das partituras con la pulsación mediante o pé, dispositivos Android para o visionado de partituras e outros arquivos informáticos; 19 PCs de escritorio e sistema de videoconferencia.

Control de accesos con alta e baixa de usuarios, asignación de calendarios de permisos e apertura manual de portas a través de tarxetas ou tags para usuarios habituais e códigos para persoas usuarias ocasionais completan o proxecto Alcaldesa e concelleiro adiantaron tamén as obras de reorganización de espazos que se executarán para adaptar as aulas á normativa vixente e dar uso a espazos infrautilizados. “A diario podemos comprobar que hai moito talento e vemos como músicos formados en Ponteareas conseguen prazas en orquestras e conservatorios de todo o mundo por iso queremos premiar ese esforzo e éxito con melloras educativas”, afirmou Ricardo González.

“Traballamos coa directiva do conservatorio para que o noso conservatorio sexa un referente en experiencia educativa e, sobre todo, para que o alumnado estude nun centro moderno con acceso aos recursos educativos que manexan outros conservatorios do mundo, para que cando rematen aquí e continúen a súa formación en centros superiores amosen coñecemento das TICs e para que prolonguen con orgullo o legado musical dos nosos mestres”, avanzou a alcaldesa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.