Ponteareas | Corría o ano 2003 cando como concelleiro de Tráfico puxen en marcha a peonalización dos mercados dos sábados en Ponteareas. Si, é certo, as cousas esquécense rápido, pero en 2003 os coches aínda circulaban sen cesar ao redor da Praza de Bugallal e da Praza Maior sobre as que se amoreaban os postos e as persoas.
Tivo que chegar un goberno fugaz de once meses do BNG-PSOE para retirar os vehículos e entregar as rúas á xente os sábados pola mañá. “Acabades co pobo”, “será a ruina e a morte do comercio”, “a xente marchará a outros pobos”: así acolleron esa medida algúns comerciantes. Hoxe, case 20 anos despois, até os máis recalcitrantes seguen no mesmo lugar.
Pouco despois chegaron Solla e o PP aupados por Nava Castro e unha indigna moción de censura, pero a peonalización das feiras e mercados xa non se tocou. Non houbo valor. Aínda máis: executaron a de Rogelio Groba –a carón do Concello proxectada por nós– e peonalizaron para sempre a rúa da Esperanza, Oriente e boa parte da Praza Maior. Ningún comerciante abríu a boca. Normal: as peonalizacións do PP son inócuas para certos comerciantes e as do BNG e PSOE son as que traen a ruina.
“O negocio non está nos coches pasando por diante e colonizando o espazo, senón na xente paseando e ollando os escaparates nun ambiente saudábel e agradábel”
Mentres isto ocorría en Ponteareas, no Calvario de Vigo ou en Pontevedra ardía Troia con aquel comercio incapaz de entender as vantaxes das humanizacións. Ao final, a firmeza daqueles gobernos que non se dobregaron fronte a furibundas protestas tivo a súa recompensa: non só mudaron eses barrios e cidades, senón que o comercio descubríu, por fin, que o negocio non estaba nos coches pasando por diante e colonizando o espazo, senón na xente paseando e ollando os escaparates nun ambiente saudábel e agradábel. Hoxe, até o máis ignorante sabe que as zonas máis comerciais de vilas e cidades son as zonas peonís, precisamente porque nelas hai moita xente e apenas coches roubando o sitio ás persoas.
Ponteareas non é unha excepción. Rúas peonís como Rogelio Groba teñen o cento por cento dos seus baixos ocupados: tendas de telefonía, informática, roupa, estanco, servizos bancarios, asesoría, panadaría, cafetarías,… Mentres, porcentualmente, a maioría dos baixos lóbregos ou locais pechados concéntranse nas rúas monopolizadas polos coches.
Por iso a ecuación coches igual a negocio, peonalización igual a ruina, non se sostén racionalmente; en Ponteareas tampouco.
O día que miles de consumidores invaden Ponteareas é, xustamente, o día que máis rúas peonís ten a vila: os sábados de mañá. Se eliminar o tráfico e peonalizar fora unha ruina comercial, as feiras de Ponteareas teríanse extinguido. As mañás dos sábados en Ponteareas demostran que cando o consumidor ten un aliciente comercial e unha oferta atractiva pouco lle importa que sexa difícil estacionar e ter que camiñar ou cargar con bolsas de compra.
Por iso, en Ponteareas, o comerciante que vende un bo produto, que ten bos prezos, que se promociona eficazmente, que ofrece un bo servizo e unha boa atención, non ve perigar o seu futuro cando se retira o tráfico dunhas cantas rúas; ao contrario, sabe que os seus clientes non renunciarán a el nin á calidade dos seus produtos e servizos por ter que camiñar tres minutos dende un aparcadoiro e sabe que, sen tráfico, máis xente descubrirá o seu negocio; porque os negocios descúbrense camiñando, non dende un coche.
Tamén o comerciante que, nas zonas de preferencia peonil, vende produtos voluminosos ou pesados sabe que agora non perderá clientes; ao contrario, poderá gañalos porque o seu cliente está autorizado para chegar co coche até a súa porta coa seguridade de que atopará onde parar e cargar a compra, en lugar de dar voltas interminabeis ou rematar estacionando sobre un paso de peóns como acontecía até agora.
Isto sábeo a maioría, igual que saben que, ademais da crise sanitaria e económica, o inimigo do comercio local non está nas persoas que gañan terreo aos coches, senón no comercio online das grandes multinacionais e na inconsciencia e egoismo materialista dunha parte dos consumidores, máis preocupados en aforrar uns euros mercando en internet o produto que antes, sen reparo, revisan no comercio local, sen importarlles a ruina social que están sementando e esquecendo, en moitos casos, que a quen cuspe cara arriba na cara lle cae. Pero todo iso dá igual: cando as cousas van mal é moi humano buscar chivos expiatorios e se é posíbel poñerlle nome, apelidos e cara, moito mellor. En Ponteareas xa sabemos quen é.
Estes días, como auténticas psicofonías daquel ano no que se peonalizaron as feiras, resoan de novo sinistras voces anunciando a ruina e a morte de Ponteareas e nalgún escaparate asoman carteis apocalípticos con tétricas árbores de nadal das que colgan sogas de aforcados. Velaí a anticampaña de Nadal perfecta.
Velaí o novo espíritu navideño: “Veñan e merquen en Ponteareas, o pobo da morte”, anuncian estes xenios do marketing nos seus escaparates de luto navideño. Pero ás artífices e cerebros desta campaña dalles igual, claro: elas non venden en Ponteareas, elas venden exclusivamente online. Ver para crer: dirixen unha asociación de comerciantes pero non teñen comercio. Por iso falar mal de Ponteareas e desprestixiala non lles prexudica. Ao contrario, pode darlles réditos porque a quen prexudica é á súa competencia, a aqueles que teñen comercio na nosa vila.
“Os negocios descúbrense camiñando, non dende un coche”
Estas profetas da apocalipse prognostican estes días a morte do comercio cun panorama desolador e infernal de atascos, falta de aparcamento, obras por doquier e clientela que foxe despavorecida a…. Vigo, coñecido paraiso comercial onde o tráfico flúe lixeiro e apacíbel, os aparcamentos afloran, gratuitos, en cada recuncho e as obras son fugaces e efímeras. Con argumentos deste calado intelectual non pode sorprender que pretendan convencer aos demais comerciantes de que os seus clientes, por non camiñar varios minutos na nosa vila, preferirán facer dez quilómetros en coche a outros pobos da bisbarra sen apenas aparcamentos.
E postas xa a desafíar sen rubor ao sentido do ridículo reclaman algo trascendental para o comercio local: que os coches poidan entrar na área peonil para ir aos caixeiros automáticos. Cando nun pobo hai quen precisa facer en coche o que camiñando leva cinco ou dez minutos, alguén por fin tiña que reivindicar o grotesco dereito a retirar cartos sen dar máis de cinco pasos andando.
Para completar este cadro traxicómico, o Partido Popular, que no seu día, a través dunha das súas actuais concelleiras, promoveu e impulsou esa asociación minoritaria dividindo, enfrontando e debilitando ao comercio local, anuncia agora o apoio á súa desafortunada anticampaña navideña coa que se anima aos potenciais clientes a non visitar unha Ponteareas ao borde dun imaxinario cataclismo.
E faino “en defensa do comercio local”, si, ese comercio que en setembro de 2019 observou con perplexidade aos concelleiros Francisco Jesús Represas e Silvia Fernandes en redes sociais posando e alardeando dunha macrocompra na cola do IKEA baixo o título “comeza o novo curso”, probabelmente o de primeiro de primaria, onde con arranxo á súa capacidade cognitiva lles poderían explicar o significado das palabras cinismo e hipocrisía.
Malia os desexos dos que falan dun pobo que morre, a realidade é que temos un gran concello, un gran comercio, un gran potencial e un gran futuro. Podemos e debemos aspirar a unha vila saudábel e fermosa que sexa ideal para vivir e visitar. Porque eses residentes e visitantes, atraidos por unha vila humanizada e con calidade de vida, serán a clientela que dará porvir ao comercio de proximidade. Temos unha vila perfecta para logralo: radial, sen apenas pendentes e con todo o que se precisa a man. Isto non é Pontevedra, din algúns. Claro que non, isto é mellor. É Ponteareas, unha vila na que entre os puntos máis distantes non hai máis de 10 minutos camiñando, menos do que unha persoa fai para mercar o pan nunha cidade.
“Nós temos, non o lexítimo dereito, senón a obriga irrenunciábel de cumprir o que prometimos á cidadanía. A iso chámase cumprir coa palabra dada”
Ofrecimos durante décadas unha nova Ponteareas e dende 2015 unha maioría dos homes e mulleres deste pobo derónnos a súa confianza para que a construamos. Aqueles que non apoiaron a este goberno teñen o lexítimo dereito de criticar e cuestionar o noso modelo e tentar convencer aos demais para que aposten en vindeiras eleccións polo vello modelo. E nós temos, non o lexítimo dereito, senón a obriga irrenunciábel de cumprir o que prometimos á cidadanía. O PP de Rajoy ofreceu baixar impostos e logo subíunos: a iso chámase fraude electoral; nós prometimos facer o que estamos agora facendo: a iso chámase cumprir coa palabra dada. O pobo falou nas urnas, nós escoitamos e cumpriremos sen vacilacións coa nosa obriga democrática.