Tras dous anos de pandemia, o Corpus Christi volve á normalidade este 2022. Dende a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o seu presidente Miguel Ángel García Correa asegura a continuidade desta tradición que xa traspasa fronteiras.
O Corpus volve á normalidade. Como foi a vida da Asociación nestes últimos anos?
Aínda que o primeiro ano de pandemia (2020) foi moi complexo e tivemos que suspender todo, en 2021 recuperouse a nosa festa nun formato máis reducido.
Van da man o Corpus e o Xacobeo?
A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas organizou o primeiro proxecto de alfombrismo a escala mundial no que participaron 5.000 alfombristas de 30 países con motivo do Ano Santo Xacobeo 2021. Estes alfombristas elaboraron a “Alfombra Mundial do Xacobeo 2021” nun lugar emblemático de cada unha das súas localidades, entre os días 24 e 25 de xullo do 2021, dedicada ao Camiño de Santiago.
O deseño do Miguel Ángel Laguna Villalobos, alfombrista de Chinchón, elixírono os propios alfombristas nunha votación a escala mundial durante o primeiro confinamento pola pandemia do Covid. Este deseño foi común en cada unha desas localidades. Con todo, cada colectivo alfombrista realizou a súa alfombra, seguindo a súa propia técnica e estilo, utilizando os materiais que usan nas súas alfombras e creando ese tapiz efémero. Pero a súa vez todas foron distintas xa que eran dous os motivos que a diferenciaban; unha o nome da localidade que a realizou e outra, tras unha frecha amarela, a distancia en quilómetros desde cada cidade participante a Santiago de Compostela.
O obxectivo era facer todo o mesmo día, a mesma alfombra en cada un dos nosos pobos ou cidades, pero de forma conxunta. Foi unha especie de flashmob a escala mundial de arte efémera no día grande do Apóstolo Santiago ou na súa véspera. O Rei Felipe VI interesouse polo noso proxecto na apertura do I Congreso Mundial da Academia Xacobea, onde tamén luciu unha replica da Alfombra Mundial do Xacobeo 2021. A prensa de todo o mundo tamén se fixo eco da noticia da Alfombra Mundial do Xacobeo antes, durante e despois do evento. Toda a organización, coordinación e xestión do proxecto realizouse dende Ponteareas e a páxina de Facebook creada para a ocasión converteuse na primeira páxina mundial con máis seguidores en todo o mundo. Todo iso permitiu que Ponteareas e as súas alfombras do Corpus Christi sexan recoñecidas a escala mundial.
Vde. ten representado no exterior ás Alfombras do Corpus. Do 1 ao 10, que valoración lle adxudicaría ás de Ponteareas?
Conseguimos con todos os nosos traballos que Ponteareas pase de ser recoñecida a nivel internacional, a ser recoñecida a nivel mundial nos cinco continentes.
A Asociación que Vde. representa, vai garantizar o futuro de novos alfombristas?
Ese é un dos primeiros obxectivos desta asociación. Transmitir ás novas xeracións o amor pola festa do Corpus Christi de Ponteareas
“Un dos primeiros obxectivos desta asociación é transmitir ás novas xeracións o amor pola festa do Corpus Christi de Ponteareas”
Como aprecian no exterior o nivel acadado polas Alfombras de Ponteareas?
A pesar das limitacións impostas pola pandemia, o traballo da Asociación nestes anos foi crecendo e cada vez máis somos referente a nivel mundial. Proba diso é que no VII encontro de Pietra Ligure (Italia) somos a única representación española.