Ponteareas e Salvaterra solicitan 2M€ para xestión conxunta de recursos hídricos

Proxecto conxunto de mellora do ciclo integral da auga

Ponteareas | O concello de Ponteareas e o concello de Salvaterra de Miño unen forzas e solicitan 2.036.762€ ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para desenvolver o proxecto conxunto de mellora do ciclo integral da auga (PERTE Dixitalización Ciclo da Auga). Trátase do investimento solicitado máis elevado da historia destas vilas en materia de sustentabilidade hídrica que da resposta ao compromiso de Ponteareas e de Salvaterra de Miño de acadar un futuro sutentable aliado aos recursos naturais.

Os dous concellos perseguen con este proxecto garantir a demanda de abastecemento de auga potable desde a perspectiva da sustentabilidade no uso da auga; promover un uso sostible dos custos; minimizar os efectos negativos ambientais e fomentar un uso responsable.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e a concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista, presentaron xunto á alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e ao tenente de alcaldesa, Ernesto Groba González, as principais liñas de intervención que permitirán a implantacion de “medidas clave para mellorar a xestión e o control da auga a través de sensórica, da intercomunicación de dispositivos de monitorización, de intelixencia artificial e de detectores de anomalías que permitan un uso e distribución responsable dun recurso tan importante como a auga”.

A edil de Infraestruturas do Concello de Ponteareas, Raquel Bautista, explica que para acadar estes obxectivos implementaranse sistemas de monitoreo e seguemento das masas de auga para permitir a toma de decisións baseadas en datos; sistemas de detección máis eficientes para reducir perdas de auga e mellorar o uso dos recursos; medidas para reducir o consumo da auga reducindo tamén así o volume de auga contaminada e promoveranse prácticas de consumo responsable, ademais de desenvolver ferramentas informáticas e dixitais de modelado e simulación da eficación e eficiencia na xestión dos recursos hídricos.

Ambos concellos coinciden en salientar a importancia de planificar un futuro harmónico co patrimonio natural no que concienciar da importancia do medio natural para a saúde. O informe de cambio climático Galicia 2012-2015 desenvolto pola Subdirección Xeral de Meteorología e Cambio Climático adianta que a temperatura máxima subirá entre 2 e 4ºC en todas as estacións, que a temperatura mínima tamén subirá, que se incrementará a porcentaxe de días extremos de temperatura con días máis cálidos e que as precipitacións descenderán. Ante estes datos o concello de Ponteareas e o Concello de Salvaterra de Miño atallan e comezan a tomar medidas para o cumprimento do Obxectivo de Desenvovlemento Sostenible 6 centrado en garantir a dispoñibilidade de auga e unha xestión sostible e saneamento para todas e todos.

Marta Valcárcel salienta a importancia de seguir traballando na dixitalizacion e mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento, “liña na que xa vén traballando nos últimos anos o concello de Salvaterra de Miño. Dando un impulso importante e ambicioso coa solicitude desta subvención que permitirá a mellor xestión do ciclo da auga”.

Precisamente hoxe a alcaldesa de Ponteareas presentou en Santiago de Compostela a súa estratexia Infraestrutura Verde ao ser o primeiro concello galego en contar con este documento aprobado, unha folla de ruta que marca o futuro da vila dende unha perspectiva medioambiental e na que o respecto e conservación do patrimonio natural é vital para garantir a calidade de vida da veciñanza. Ponteareas é o único concello galego recoñecido no visor da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas da Xunta de Galicia como corredor paisaxístico.

Líder en estratexias verdes en Galicia
Ponteareas lidera o deseño das estratexias municipais de infraestrutura verde e será a guía para moitos concellos galegos, así se amosou onte na presentación da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas (EGIVCRE) celebrada en Santiago de Compostela e na que a alcaldesa Nava Castro expuxo as cincuenta liñas de acción da infraestrutura verde municipal ante arredor de 150 persoas entre técnicos, representantes municipais, investigadores das tres universidades galegas, membros de distintos colexios profesionais, entidades e empresas, cargos públicos e funcionarios de varios departamentos da Xunta, entre outros.

Neste acto organizado pola consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a conselleira Ángeles Vázquez adiantou que semana que vén convocarase a primeira orde de axudas para apoiar aos concellos no fomento de proxectos para o impulso das infraestruturas verdes nos espazos urbanos e periurbanos. No visor cartográfico da Xunta de Galicia o concello de Ponteareas xa aparece como corredor ecolóxico que contribúe a manter a conectividade ecolóxica e ambiental mediante nexos físicos entre as áreas núcleo e as zonas de amortecemento.

O concello de Ponteareas foi o primeiro concello galego en aprobar este documento estratéxico preparándose así para poder optar a esta liña de axudas que conta cun orzamento global de 2 millóns de euros e un importe máximo de 60.000 euros por proxecto, entre os tipos de iniciativas subvencionables cómpre citar a plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, contribúan a crear refuxios urbanos que atenúen o efecto “illa de calor”; a creación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros e balcóns verdes así como xardíns verticais para incrementar a biodiversidade urbana; ou o acondicionamento e mellora das infraestruturas verdes (sendas, parques etc) e azuis (ríos) que rodean estas zonas, entre outras.

En todas estas liñas xa traballa o concello de Ponteareas e así o trasladou a alcaldesa. “Cando falamos de infraestrutura verde, referímonos a todas esas solucións que nos dá a natureza para mellorar a nosa vida. Un bosque non é só un conxunto de árbores, é un pulmón que limpa o aire. Un río non é soa auga, é un corredor de vida que debemos protexer. E un parque non é só un espazo bonito, é un lugar onde a xente atópase, reláxase e sente ben”. A rexedora deixou clara a súa postura que se recolle na súa estratexia de infraestrutura verde, “non queremos que a natureza sexa un simple adorno. Queremos que sexa a base do noso desenvolvemento. Por iso, fomos o primeiro municipio de Galicia en aprobar un plan de infraestrutura verde. Pero non o fixemos sós: traballamos con expertos e, sobre todo, coa xente, porque isto é un compromiso de todos”.

Durante a súa exposición relatou algunhas das acciósn concretas coo a recollida da auga de choiva para reutilizala en xardíns e evitar inundacións, protexer e plantar máis árbores para reducir o ruído, mellorar o aire e dar sombra nas rúasr; recuperar a praia fluvial da Freixa, para que sexa un espazo natural onde gozar do río sen danar o ecosistema; crear corredores verdes, conectando parques e montes para que a xente poida camiñar ou andar en bicicleta en contornas saudables, reverdecer a vila ou a instalación dunha illa de calor na praza Bugallal.

“Ponteareas entendeu hai tempo que crecer de costas á natureza non é unha opción. Por iso, somos pioneiros en Galicia en integrar a infraestrutura verde como base do noso desenvolvemento”, sinalou onte a alcaldesa acompañando de exemplos de algunhas das accións xa realizadas, “en Ponteareas reducimos o impacto das choivas torrenciais grazas a sistemas de drenaxe natural que evitan inundacións en zonas urbanas”.

Na súa intervención Nava Castro introducíu as intencións do plan de restauración do ecosistema na praia fluvial da Freixa que “non só mellorará a biodiversidade, senón que tamén ofrecerá unha contorna máis saudable para veciños e visitantes”. A alcaldesa insistíu tamén na importancia de acompañar as grandes accións con pequenos hábitos diarios que deben ser extensibles á cidadanía con campañas de sensibilización e destacou o importante papel das árbores e dos recursos naturais para saúde, “as árbores non só embelecen as rúas, tamén limpan o aire, refrescan as cidades e reducen o ruído. Son os nosos mellores aliados contra o cambio climático. Non falamos só de árbores e ríos; falamos de saúde pública, de economía sostible, de empregos verdes e dun futuro máis resiliente para a nosa comarca.”

Pero ademais de saúde un medio ambiente en forma contribúe á redución de gastos xa que unha boa planificación con árbores e zonas verdes pode baixar a temperatura dunha cidade ata 3 graos no verán. “Menos calor, menos aire acondicionado e máis aforro na factura da luz. Un paseo verde xunto ao río mellora a saúde, o benestar e fai que o pobo sexa máis bonito e atractivo para vivir. Respirar aire limpo e ter sombra nas rúas non é un luxo, é algo que mellora a nosa vida cada día”.

Castro tamén remarcou como estas políticas poden atraer investimento e turismo sostible. “Coidar a natureza é coidarnos a nós mesmos.O mellor legado que podemos deixar aos nosos fillos é un pobo con máis verde e menos cemento.En Ponteareas non queremos crecer destruíndo, senón construíndo coa natureza”.

Por último a alcaldesa de Ponteareas instou a sumarse porque “isto non é só un plan do Concello, é un compromiso de todos. Coidemos a nosa contorna e fagamos de Ponteareas un modelo de pobo verde e sostible. Ponteareas xa está en marcha. Agora convídovos a que traballemos xuntos para que a infraestrutura verde sexa unha prioridade en todas as nosas cidades. Porque a natureza non é un luxo, é unha necesidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.