Ponteareas | A Praza Maior foi o espazo escollido para elaborar unha alfombra floral con motivo da celebración do Día das Letras Galegas que este ano homenaxea ao escritor, editor e catedrático de instituto Carlos Casares.
A actividade estivo organizada polas Concellerías de Cultura e Ensino, que xestionan Hortensia Bautista e Cristina Fernández respectivamente, contando coa colaboración de membros da Asociación de Alfombristas, ANPAS e alumnado e profesorado dos Centros Educativos da vila. Tendo como finalidade dar a coñecer nunha pequena mostra, mediante obradoiros e a propia elaboración da alfombra, os distintos traballos que realizan os portais de alfombristas nesta época de cara á Festa Grande do Corpus Christi.
Os cativos/as coñeceron de primeira man como se prepara o material, se almacena, os pasos para confeccionar a alfombra e incluso puideron elaborar figuras dos maios nun obradoiro específico.