Ponteareas/Ponteareas en Común | Ponteareas é actualmente o Concello de Galiza de máis de 20.000 habitantes con maior risco de exclusión social, a pesar disto dende o Goberno do PP reduciuse a partida de orzamento dedicados a emerxencia social.
Pola súa contra, aumentouse o presuposto para as festas do Corpus, marcando 150.000€ como partida, e dedicando finalmente máis do dobre presupostado publicamente. Este importe é atendendo directamente o invertido de forma directa en Corpus, sen contar outros gastos indirectos que non se contemplan nas partidas, o grupo de Ponteareas en Común estima que o gasto real nas festas supera os 450.000€
Ponteareas en Común apoia que o Corpus é unha celebración histórica na vila que sempre debe ser apoiada polo Concello, pero sen esquecer as necesidades reais da xente do común. O invertido en apenas 72h de duración das festas triplica o que se vai inverter en axudas para emerxencia social (100.000€), no centro de información á muller (74.780€) ou na biblioteca e museo (112.886€) .
Corpus é patrimonio inmaterial da vila, ademais de cultura e tradición, polo que sempre terá que ser apoiado polo goberno e as institucións, pero nunca debe estar por riba das necesidades reais da veciñanza de Ponteareas. O retorno económico de festa non conta cun estudo detallado, totalmente puntual e limitado ao ámbito da hostalería, que apenas pode sacarlle partido, xa que está limitado pola súa capacidade o tratarse de apenas 48h.
“Poderíanse levar a cabo moitas máis medidas e accións dinamizadoras con eses cartos que deixasen un maior impacto económico na vila, ou que mellorasen a calidade de vida das persoas que aquí vivimos.” Declara Manoel Ucha, concelleiro de PEC.
A formación municipalista sinala que moitos destes gastos son completamente innecesarios ou desproporcionados, como a xa famosa alfombra do concello de 12.175€, unhas gradas de 6.534€, as tapas dos buratos das vallas que custaron máis de 14.000€ ou telas para os balcóns e valado de 28.915€.
“A formación municipalista sinala que moitos destes gastos son completamente innecesarios ou desproporcionados”
Ademais, sinala que no caso das gradas e da utilización de telas no valado das alfombras, “foron accións levadas a cabo sen a debida consulta coas asociacións de alfombristas, como xa criticaron estas mesmas en días anteriores.”
Pese a todo, Ponteareas en Común quere resaltar que tamén estamos preocupadas polo sospeitoso mecanismo de contratación utilizado. No caso das decoracións dos balcóns e do valado pódense atopar diferentes contratos publicados o mesmo día con importes que rozan os 15.000€ e coa mesma xustificación de gasto para o mesmo pagador. Isto non debería ser así, xa que, se a xustificación é a mesma, e a empresa adxudicataria tamén, debería ser parte de un mesmo contrato.
Esta práctica de segmentar os contratos para as mesmas empresas permitiu o Goberno de Nava Castro e o PP asignar os encargos a dedo sen ter que realizar concurso entre as mellores opcións posibles. Isto último non é novidade xa que Nava Castro cando dirixía a Axencia de Turismo de Galicia realizaba estas mesmas accións, como afirma o Tribunal de Contas.