Ponteareas | O Concello de Ponteareas amosa unha vez máis o seu rexeitamento á actual situación de precariedade que atravesa a sanidade pública e o seu total apoio á manifestación que se celebrará o vindeiro domingo 12 de febreiro ás 12.00 h en Santiago, convidando á veciñanza a mobilizarse para denunciar unha situación de precariedade cada vez máis agudizada.
O pleno aprobou a semana pasada unha moción conxunta dos grupos municipais do BNG, PSOE e ACIP proposta pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Condado-Paradanta a través da que dan o seu respaldo a esta manifestación convocada por SOS Sanidade Pública e apoian a iniciativa lexislativa popular en defensa da sanidade pública para que o Parlamento galego debata e tome medidas para salvar e fortalecer a atención primaria. A moción contou coa abstención do Partido Popular.
A situación sanitaria en Ponteareas é insostible, con 9 profesionais médicos máis un provisional atendendo á poboación dos 15 que debería haber no cadro de persoal. Ademais, case 9.000 veciños e veciñas non teñen médico ou médica de familia asignada, polo que non poden pedir cita, non son atendidos telefonicamente e que deben decidir se a doenza que padecen require unha visita ao servizo de urxencias ou se poden agardar tres ou catro semanas para unha consulta cun facultativo ou facultativa que cambia cada vez. Unha situación de deterioro da atención primaria en Ponteareas e en toda Galicia “que está acadando un punto de inflexión que pode ser irreversible sempre que non se lle poña remedio de forma urxente”.
Con esta moción aprobada en pleno faise tamén un chamamento a toda a veciñanza a participar nesta manifestación e a esixir solucións para rematar coa dificultade de acceso aos centros de saúde; co peche dos PAC; coa masificación das consultas; coa prioridade de consulta telefónica; ou coa falta de persoal médico, de pediatría e de enfermaría e doutras categorías profesionais, sometidos a condicións de inestabilidade e precariedade laboral, repercutindo gravemente na calidade da atención primaria.