Ponteareas | A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, elaborou unha proposta de modificación da ordenanza reguladora do estacionamento limitado e gratuito, coñecido como zona azul. Os obxectivos da modificación consisten en facer posíbel que o goberno local poida ampliar os horarios e as zonas con este modelo de aparcamento en función das necesidades e a demanda.
Mera explica que “a zona azul permite repartir o aparcamento existente entre máis usuarios/as evitando que sexa acaparado por uns poucos e atendendo así maior demanda. É un sistema que a través da rotación de vehículos en períodos máximos de tempo multiplica os estacionamentos dispoñíbeis”. A actual ordenanza foi aprobada en 2008 e tras estes anos de experiencia o Goberno Local cre que é o momento de “atender máis demandas, tanto de franxas horarias onde xa existe a zona azul, como de novas zonas onde é preciso repartir as prazas existentes entre máis usuarios/as”.
Entre as medidas que a concellaría de Mobilidade e Tráfico contempla se atopan a de ampliar o funcionamento da zona azul ao horario de tarde, pois actualmente só se aplica en horario de mañá. Ademais, a zona azul foi concebida inicialmente para dar resposta á demanda de estacionamento en zonas comerciais, pero actualmente existen outros espazos de aparcamento vencellados a equipamentos públicos onde é necesario evitar a ocupación prolongada por usuarios/as alleos/as a eses servizos.
É o caso do complexo deportivo Álvaro Pino, onde trala finalización das obras de humanización, se implementará o estacionamento limitado a dúas horas, durante os horarios de funcionamento do complexo. “Deste xeito aseguraremos que os estacionamentos sexan utilizados polas persoas que empregan as instalacións deportivas e precisan acudir a elas en vehículo e polo tempo realmente necesario para facer esa actividade”, sinala Roberto Mera.
O borrador de modificacións foi trasladado aos grupos municipais da Corporación así como ás asociacións de comerciantes para o seu estudo e aportacións ou suxestións.