Ponteareas | O goberno do BNG-PSOE de Ponteareas trasladou aos grupos da oposición o estado actual de execución da estratexia EDUSI nunha reunión na que o técnico responsable fixo balance dos proxectos executados e adiantou as próximas liñas a seguir.
Nestes intres, está en execución o 45% dos fondos europeos que suman un total de 2.809.562€ e contratado o 53% , investidos en facer posible o cambio en Ponteareas apostando por un claro rumbo cara un futuro sostíbel no que as persoas sexan as protagonistas na súa cidade. Como exemplo están as obras xa rematadas de mellora da eficiencia enerxética da biblioteca pública municipal, da escola infantil e do conservatorio municipal. Espazos e servizos fundamentais de grande afluencia de veciñanza.
Preto de tres millóns de euros que permiten que Ponteareas cumpra cos compromisos adquiridos: cidade respectuosa co medio ambiente, deseñada pór e para as persoas, que garanta a accesibilidade, que reduza a brecha dixital, que promova a economía circular e reduza as desigualdades sociais. O Concello ten ata o ano 2023 para desenvolver a totalidade da estratexia.
“Os datos, as obras rematadas e a posta en marcha de moitos dos proxectos son bo exemplo de que a EDUSI de Ponteareas avanza a bo ritmo e cumpre cos obxectivos a pesar das críticas recibidas polo Partido Popular e do seu voto en contra de solicitar os fondos que semellaban máis o desexo de que descarrilara a estratexia que o de ver medrar de xeito fructífero a súa cidade”, aclara o goberno.
Na reunión tamén se informou que se vén de pechar o proceso de selección dun técnico de xestión específico para a EDUSI. Cabe salientar que Ponteareas é un dos poucos concellos que conta con persoal propio e seleccionado para o desenvolvemento dos fondos de desenvolvemento rexional (FEDER) da Unión Europea cos que se materializa da estratexia de crecemento “Ponteareas, hábitat saudábel”.
Coas obras xa rematadas de eficiencia enerxética da Biblioteca Pública Municipal, do conservatorio público municipal e da escola pública infantil deixanse de emitir cada ano un mínimo de 100.434 quilos de CO2. Cen toneladas menos de contaminación atmosférica que, ademais, reafirman o noso Pacto polo Clima. Estas obras tamén ofrecen espazos máis confortábeis e mellores servizos públicos á cidadanía, ao tempo que conciencian sobre a importancia do cambio para acadar o equilibrio entre o benestar e a conservación do medio natural.
Ao longo deste ano arrincarán proxectos como o centro de emprendemento e a rehabilitación do futuro edificio cívico que ampliará e mellorará os servizos ofrecidos á cidadanía, entre outras obras e plans contemplados na estratexia EDUSI que contribuirán a revalorización da cidade.