Ponteareas | Logo de catro semanas desde a declaración do estado de alarma, o goberno municipal de Ponteareas, formado por BNG e PSOE, fixo balance das actuacións municipais desenvolvidas para facer fronte á crise sanitaria.
Este balance tamén foi compartido cos grupos da oposición, PP e AciP, nunha reunión celebrada por vidoeconferencia na tarde deste mércores. Nun amplo documento, o goberno enumera todas as actuacións que abranguen as medidas organizativas de dirección e xestión da crise, as de prevención e autoprotección no ámbito interno municipal, as de información e atención cidadá, as de saúde pública, as relativas á asistencia social e as referentes ao ámbito educativo, cultural, deportivo e de ocio, as adoptadas en materia económica e fiscal e, por último, as referidas á seguridade cidadán e mobilidade.
Respecto á dirección e xestión da crise, o goberno BNG-PSOE puxo en marcha antes da declaración do estado de alarma unha comisión de seguimento da crise sanitaria do Covid-19, presidida polo alcalde Xosé Represas e formada polas tenentes de alcalde Cristina Fernández, Chus Garrote e Roberto Mera Neste marco inclúese tamén a comunicación e coordinación diaria coa administración sanitaria e o centro de saúde da localidade, con especial seguimento á situación da residencia de maiores e ao servizo de axuda no fogar.
O goberno local traballa na posta en marcha de novas medidas de apoio a autónomos, pemes e comerciantes e incrementará as axudas de emerxencia social
Para seguir mantendo ao máximo nível posíbel o funcionamento do Concello, a concellaría de Innovación Tecnolóxica implementou en tempo récord o teletraballo para boa parte dos servizos administrativos, reorganizando a atención cidadá a través de telefonía, correo e sede electrónica e creándose un espazo específico na web municipal adicada á crise sanitaria onde se pode acceder a ampla información de interese para a veciñanza.
O goberno municipal amósase satisfeito polo traballo desenvolvido e polo comportamento exemplar que ven mantendo a inmensa maioría da poboación. “Estamos moi orgullosos da veciñanza pero tamén”, destaca o alcalde Xosé Represas, “do cadro de persoal municipal en xeral e, en particular, do que se atopa en primeira liña nestes intres tan complicados, como a Residencia de Maiores, o Servizo de Axuda no Fogar, a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, os servizos sociais, o persoal de limpeza e o voluntariado xestionado polo concello”. Pola súa banda, a tenenta de alcalde Chus Garrote quere agradecer as suxestións dos axentes sociais e as aportacións da oposición e eganden que “seguimos día a día as circulares da Xunta e do Estado para propoñer medidas para as empresas e autónomos nas que o goberno de estado ou o goberno galego non chega”.
Finalmente, en materia de seguridade cidadán e mobilidade, o goberno local salienta o labor de información na rúa que ven desenvolvendo a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil sobre recomendacións, normas, pautas de comportamento, etc… relativas á mobilidade e á autoprotección da saúde. A Policía Local, coordinadamente coa Garda Civil, realiza de maneira continua patrullaxe e controis específicos dos movementos de persoas e da apertura de establecementos para garantir o cumprimento das restricións impostas no estado de alarma.
O goberno local está a traballar na posta en marcha de novas medidas como o incremento das partidas económicas destinadas as axudas de emerxencia social, a ampliación do servizo de axuda a domicilio, a creación, en colaboración co sector, dunha plataforma dixital para a difusión da oferta comercial local e de vendas, a posta en marcha de concursos de creatividade e habilidades dirixidos ás persoas confinadas con premios consistentes en bonos de compra no comercio local, as bonificacións de taxas e impostos dirixida á actividade económica afectada pola crise sanitaria e a elaboración dun plan de apoio a autónomos, pemes e comerciantes, tanto para a situación actual durante o estado de alarma como para a necesaria recuperación posterior da actividade económica comercial e de servizos