Ponteareas | O Concello de Ponteareas organizou un faladoiro-café para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais, no que dúas mulleres emprendedoras no rural, Lorena Durán, propietaria da Casa Rural A Cantaruxa Maruxa, e Remedios Rivero, xerente e chef de Casa Rivero, falaron ante todas as convidadas das súas experiencias vitais e profesionais.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Saúde, Raquel Plana foi a encargada de dar a benvida a todas as asistentes e destacou que “hoxe celebramos o Día Internacional das Mulleres Rurais e podemos presumir de que o noso Concello está cheo de mulleres rurais incribles. Quixemos celebrar este día de forma especial e que forades as mulleres rurais as que viñerades ao Concello para ser as protagonistas”.
A continuación deu paso ás relatoras do faladoiro, Lorena Durán, propietaria da Casa Rural A Cantaruxa Maruxa, e Remedios Rivero, xerente e chef de Casa Rivero, ás que lles preguntou por diferentes cuestións: as súas traxectorias, como chegaron ata onde están, como foi emprender no rural, como contribúen os seus negocios na comunidade rural, a que retos se enfrontaron e se enfrontan como mulleres emprendedoras no entorno rural e que consellos lle darían a outras mulleres que queren iniciar un negocio neste ámbito
Pero o protagonismo non foi só para as relatoras, Lorena e Remedios, se non que foi un faladoiro participativo, unha reunión de compañeiras compartindo experiencias. Todas foron protagonistas. O encontro estivo cargado de anécdotas de cada unha das asistentes sobre moitas e moi diferentes temáticas: experiencias, traballo, conciliación, emigración, os oficios que lles gustaría ter aprendido e non foi posible no seu momento, ou poder formarse sendo maiores, a convivencia con enfermidades propias ou de familiares, a xestión de ter que irse fóra e a felicidade de poder regresar a Ponteareas… As emocións estiveron a flor de pel e deixáronse moi claro que valoran por riba de todo que unhas fosen (e sigan sendo) exemplo doutras para poder afrontar diferentes situacións e chegar a onde están agora.
A alcaldesa Nava Castro destacou que “foi un pracer compartir este espazo con todas vós e escoitar as valiosas e interesantísimas testemuñas das nosas relatoras, Lorena e Remedios. Pero tamén as vosas, as de todas as mulleres que nos acompañades hoxe e que acabades de compartir e confesar tamén as vosas vivencias.
No Día Internacional das Mulleres Rurais, temos a oportunidade de reflexionar sobre o papel fundamental que desempeñades as mulleres no rural, nas nosas parroquias. Sodes o corazón e a alma dos nosos pobos, contribuíndo non só á economía local, se non tamén á preservación das nosas tradicións”.
“Despois de escoitarvos a todas, quédanos claro que as mulleres no rural enfróntanse a desafíos únicos e a súa resilencia e determinación son admirables. Bo exemplo sodes vós. Hoxe escoitamos as experiencias de vida de Lorena e Remedios e as de todas vós, moi diferentes entre elas, pero dentro dun mesmo contexto. Sigamos traballando xuntas para dar visibilidade ás nosas mulleres rurais e construír unha sociedade mellor”, finalizou.
Xornada de RCP
O Concello de Ponteareas a través da concellería de Saúde e da Concellería de Ensino en colaboración coa asociación TesGalicia organizou este 16 de outubro na instalación de Aceros do Tea unha xornada de RCP básica polo Día Internacional da parada cardíaca, para ensinar nocións de reanimación a todas as persoas interesadas.
A xornada, que contou co apoio da Cruz Vermella, Bombeiros, Protección Civil, Polícía Local e SERGAS a través da área sanitaria de Vigo, realizou un despregamento dos seus medios para ensinar o seu funcionamento tanto ao alumnado dos centros educativos de Ponteareas como á cidadanía en xeral. Preto de trescentas nenas e nenos do CEIP Fermín Bouza Brey, Mestre Ramiro Sabell, Santiago de Oliveira, Feliciano Barrera de Guláns, As Veigas, Santiago Apóstol e La Inmaculada aprenderán nocións de primeiros auxilios.
A concellería que dirixe Raquel Plana e a concellería que dirixe por Ricardo González programan esta actividade transversal que pretende unha mellor formación da cidadanía. O Concello e a Asociación Profesional de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TesGalicia), baixo o lema “As túas mans salvan vidas”, ofrecerán leccións gratuítas para aprender nocións básicas de reanimación cardiopulmonar (RCP). Ademais da RCP, tamén se ensinarán a conduta PAS, como atender un atragoamento, usar desfibrilador e poñer en posición lateral de seguridade a unha persoa inconsciente que respira. Manobras, todas elas, fundamentais para poder salvar vidas.