Ponteareas | O Pleno da Corporación Municipal aprobou, cos votos en contra dos grupos municipais de PP a ACIP, a realización das obras correspondentes á segunda fase do acceso a Canedo, incluídas nas obras a realizar ao abeiro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
Os traballos, que contarán cun investimento de 100.873,54 euros, permitirán o asfaltado dende o lugar onde rematou a primeira fase ─pouco antes do Centro Asprodico─ ata o cruce da estrada que conduce á Picaraña, co que se conseguirá a mellora integral da pista troncal de Canedo.
Nesta segunda fase, traballarase sobre un treito de 618 metros lineais (e máis de 4.000 metros cadrados de superficie) e abranguerá traballos de escavacións de zanxas, subministros e canalizacións, amais de pozos de rexistro de 3 m, canaletas de formigón, limpeza de cunetas e bordes e, nalgunhas zonas, bordos prefabricados.
Por último as obras contemplan a pavimentación, drenaxe, reparación de sumidoiros e rexillas e posterior sinalización. Unha vez finalizados os traballos, veciñas e veciños contarán cunha estrada que garanta a seguridade tanto do tráfico rodado como dos peóns que, a diario, circulan pola mesma.
Alarmismo innecesario do PP sobre a primeira fase da obra de Canedo
Doutra banda, a concelleira de Vías e Obras, María Jesús Garrote, lamentou a campaña “de desinformación que está a desenvolver o Partido Popular” que o único que busca “e xerar unha situación de alarmismo, carente de todo fundamento, entre a veciñanza”, asegura a edil.
Explica a concelleira ponteareá que “o PP carece de argumentos para poñer en dúbida o procedemento seguido para a realización do primeiro tramo” xa que, engade María Jesús Garrote, con tada 23 de marzo, unha resolución da Deputación comunica ao Concello de Ponteareas a conformidade “ao proxecto modificado do investimento Mellora da seguridade viaria en Canedo por importe de 50.000 euros que substitúe ao presentado inicialmente polo mesmo importe sen que se altere o obxecto e finalidade da subvención previamente outorgada”.