Ponteareas | O Concello de Ponteareas “lamenta profundamente” as sancións impostas pola Xunta de Galicia á residencia de maiores do municipio. O Goberno autonómico alude que o centro “acolle a usuarias e usuarios dependentes candos as prazas son para persoas con autonomía”, pero o que “non consideran é que estas persoas non teñen outra alternativa asistencial”, denuncia a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.
A edil explica que “levan tempo agardando por unha praza nun centro especializado dependente da Consellería de Política Social do Goberno galego que non termina de chegar”, e que, “para protexer a súa saúde”, no Concello decidiuse mantelas dentro do servizo, malia non ser “a nosa competencia”.
“A resolución de asignación de praza non depende do Concello, senón da Xunta. Curiosamente o Goberno galego é a causa de que se produza a situación que a súa vez denuncia como motivo de infracción”, afirma a concelleira. Ademais lembra que a administración local destina en torno a 2 millóns de euros a servizos impropios para resolver necesidades que son competencia da Xunta.
Por todo isto, dende o Concello solicitan “o arquivo do expediente sancionador”, e lembran que o obxectivo das institucións públicas “debe estar na procura do benestar social das persoas”.
Esta sanción, “aínda que a máis grave”, non é a única imposta á residencia. A Xunta engadiu tres faltas máis ás que o Concello respondeu con sendas alegacións. O importe total que reclaman dende Política Social é de 10.003 euros.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, solicitou en máis dunha ocasión unha reunion coa Consellería de Política Social para solucionar esta e outras problemáticas. Lembra que en Ponteareas “sempre teremos a man tendida coa Xunta para mellorar o benestar da veciñanza”.