Ponteareas lembra a Fermín Bouza Brey nunhas xornadas de achegamento á súa figura

O venres 31de marzo ás 20.00 horas terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas unha conferencia de achegamento ao autor, centrándose na súa faceta como etnógrafo

Ponteareas | Esta xornada correrá a cargo de D. Xosé Manuel González Reboredo, especialista en Antropoloxía cultural quen, baixo o título “Fermín Bouza Brey, un destacado etnógrafo visto por un discípulo”,que afondará na personalidade desta gran figura da literatura e cultura galegas; o investigador David Sánchez, gañador da sexta edición do Premio de Investigación Fermín Bouza Brey; e a intervención de poética e músical de Kneves no AutobluesChicago-Fornelos.

 

Xosé Manuel González Reboredo foi director da Sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, membro da Sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, e do Consello de Cultura da Exma. Deputación Provincial de Lugo. Na actualidade é Presidente da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) e académico correspondente da Real Academia Galega.No ano 2012 foille concedido o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais pola monografía “Os santos titulares de parroquia en Galiza.”

Tamén intervirá na xornada o gañador da sexta edición do Premio de Investigación Fermín BouzaBrey, David Sánchez co traballo “Unha aproximación ó contrabando na comarca do Condado no século XX”.  No transcurso do acto daranse a coñecer as novas bases do VII Premio Bouza Brey . Amenizará a tardiña a intervención poética e musical de KIKO NEVES no AutobluesChicago-Fornelos.

Este acto ten como obxectivo homenaxear e difundir a obra e figura do insigne escritor ponteareán entre a poboación en xeral de Ponteareas, para por en valor e dar a coñecer os nosos escritores máis ilustres.