Ponteareas | O proceso participativo con motivo da elaboración da Estratexia Ponteareas 2030 rexistrou un éxito de asistencia grazas á participación das entidades máis significativas do concello en representación de todos os veciños e veciñas.
Na reunión puxéronse en contraste as diferentes cuestións que atinxen ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento e inclusividade que marca a Axenda 2030. Logo deste acto de participación dos axentes locais, procederase á análise das ideas e iniciativas populares que se terán en conta á hora de deseñar as liñas específicas de actuación.
A Estratexia Ponteareas 2030 supón un instrumento estratéxico a nivel medioambiental, económico e social para o desenvolvemento na vila e no que o goberno leva traballando moitos meses logo do apoio unánime no pleno municipal. Estas metas compréndese dentro do marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, aprobados no 2015 pola ONU coa fin de establecer en todo o planeta políticas de desenvolvemento económico, social e medioambiental, así como unha reformulación nas formas de consumo.
Oficina Móbil do Retornado
O Concello recibe este xoves día 25 a Oficina Móbil do Retorno, impulsada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de axudar á integración de todas as persoas e familias retornadas da emigración que precisen apoio das administración públicas.
O proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo FSE+, ofrece unha integración sociolaboral en Galicia, axudando ás familias retornadas en trámites administrativos, asistencia sanitaria, vivenda, formación, orientación laboral e emprendemento así como distintas prestacións ou axudas para mellorar a súa situación.
As persoas interesadas poden solicitar cita previa no 900 103 722 ou no portal web da secretaría xeral de emigración.