Ponteareas | O Concello de Ponteareas pon en marcha a 1ª Xornada de formación e emprego “Que facer co meu futuro?”, que terá lugar o vindeiro 6 de xuño na sala multiúsos do Auditorio Municipal.
Organizada polas concellarías de Formación e Emprego e Mocidade, a xornada estará dividida en 3 eixos fundamentais. A mañá comezará da man da orientadora laboral Clara Isabel León, que axudará aos asistentes a comprender o funcionamento do Servizo Público de Emprego de Galicia e como utilizalo como un aliado na procura dun emprego de calidade.
Sonia Román Hermida, consultora de Recursos Humanos en Gi Group, falará dos pasos e estratexias a seguir para contactar directamente coas empresas e presentar unha candidatura espontánea.
Finalmente, será a orientadora educativa no CIFP Valentín Paz Andrade, Betina Represas, quen achegará a súa visión sobre a formación profesional, unha alternativa que pode abrir moitas portas á nosa mocidade.
A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, sinala que “esta é unha ocasión única para mellorar a empregabilidade e atopar novas oportunidades laborais”. Pola súa parte, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, destacou que a xornada supón “un novo paso na aposta decidida deste Concello por facilitar o futuro das mozas e mozos”. As inscricións están abertas e pódense realizar chamando ao 986 661 050 ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 687 764 516.
‘De Valdeorras a México, Terra a Nosa’
Achegar a todos os públicos dun xeito ameno e divertido á figura do poeta Florencio Delgado, homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ese é o obxectivo de ‘De Valdeorras a México, Terra a Nosa’, un espectáculo familiar da compañía Polo correo do vento que chega este xoves 2 de xuño a Ponteareas. Será ás 18.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada de balde e libre ata completar aforo.
A actividade, que está financiada e organizada polos servizos de Lingua e Memoria da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Ponteareas, permitirá a nenos e nenas a partir de 5 anos e ás súas familias coñecer a vida e a obra de Delgado Gurriarán.
O público poderá gozar dunha actividade na que “se alternará a narración da biografía do poeta coa creación dunha ilustración e a interpretación de diferentes pezas musicais”, como sinala o Concelleiro de Lingua e Cultura, Fernando Groba. Contará ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura do autor.