Ponteareas | Ponteareas continúa esta semana coas actividades en homenaxe ao mestre Castelao. Esta semana o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao humor gráfico galego impartido polo debuxante e deseñador afincado en Ponteareas Pablo Prado, Fuco, un curso de balde cuxo único requisito é ser maior de 11 anos e que se realizará na biblioteca municipal o vindeiro venres 28 de xaneiro de 18.00 a 20.00 horas.
Dende a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convidan a toda a veciñanza a participar neste curso co que aprender de xeito ameno a contar historias a través de imaxes e viñetas cheas de humor. O obradoiro xirará sobre humoristas gráficos galegos importantes, como Castelao ou Vidales Tomé, entre outros.
“No Concello apostamos por actividades creativas demandadas pola mocidade e pola veciñanza en xeral ao tempo que afianzamos o noso apoio ao fomento da lingua galega en cada unha delas”, destaca o edil.
A actividade contará con prazas reducidas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou no teléfono 986 660 765.
O obradoiro será impartido polo humorista e ilustrador gráfico Pablo Prado, gañador do premio de banda deseñada de O Garaxe Hermético con ‘Nerea e o príncipe da Sorte’, un traballo con guión de Miguel Rojo e publicado pola editorial Xerais. Prado colabora ademais dende hai anos en proxectos vinculados á loita pola igualdade como a asociación feminista FestiVal das Brétemas ou SOS Racismo Galicia; no 2019 participa na ilustración do videoclip de animación ‘Semillas’, de Tremenda Jauría; e en 2020 traballa como storyboard na serie de Netflix ‘La casa de papel’ e colabora con Fernando Llor na banda deseñada ‘O último festi’, para o Armadiña Rock de Combarro.
Orientación laboral á mocidade
O Concello comezou o novo ano dando continuidade ao seu labor de orientación laboral para as mozas e mozos de Ponteareas e da comarca. Tras a volta ás aulas, o Departamento de Orientación Laboral, dependente da Concellaría de Emprego e Formación dirixida por Vanesa Fernández, retomou as charlas de asesoramento vocacional e formativo aos centros de ensino do Condado.
A última destas charlas foi no CIFP A Granxa, no que a orientadora e a técnica de emprego local centráronse fundamentalmente en informar ao alumnado dos ciclos medio e superior de Xardinaría, Agricultura, Forestal, Educación Ambiental e Viticultura sobre as súas posibles saídas laborais, tanto no sector público, con convocatorias fixas e temporais nas diferentes administracións públicas, como no privado, no que poderán atopar dende bolsas e prácticas dos primeiros empregos ata a procura de traballo específico no sector, incluíndo as ofertas publicadas a través do Portal de Emprego da Xunta.
Para a concelleira estas charlas “son fundamentais para abrir o abano de posibilidades laboráis dos rapaces e rapazas, que son o noso presente e o noso futuro e que en moitas ocasións precisan de alguén que lles faga de guía nese camiño”. Vanesa Fernández anima a todas as persoas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora para coñecer a realidade laboral e as posibilidades ás que pode optar.