Ponteareas | Tres estudantes de Ponteareas representaron a vila do Tea no II Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil e Adolescente que promove a organización Unicef, e que se celebrou o pasado venres e sábado de maneira virtual.
Juan Vázquez (CPR La Inmaculada), Sabela Montero (IES Barral) e Noela González (CEIP Fermín Bouza Brey) foron as representantes e as encargadas de transmitir a posición da mocidade de Ponteareas sobre un asunto tan importante como a crise climática.
As reflexións en común de todos os rapaces e rapazas de Galicia serán levadas ao Parlamento de Galicia o 16 de novembro.
A alcaldesa, Cristina Fernández, mostrouse “moi orgullosa do traballo de Juan, Sabela e Noela” e asegura que a mocidade da vila está “moi ben representada”. Cristina Fernández explica que esta iniciativa parte do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia de Ponteareas e que supón “unha gran oportunidade para as persoas que traballamos nas institucións públicas de escoitar e aprender dos pequenos e pequenas”.
Esta iniciativa é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila do Tea está recoñecida dende este ano como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España.
Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal para poñer no centro das decisións políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade: aos nenos, nenas e adolescentes.