Ponteareas | A Concellaría de Mobilidade que dirixe Roberto Mera informou hoxe da entrada en funcionamento da peonalización da rúa do Baratillo e da apertura ao tráfico da rúa San Roque. Estas actuacións complétanse coa rúa Cortiña Vella á que só poden acceder residentes e autorizados desta rúa e de San Roque.
Con esta reordenación da mobilidade nesta zona o tráfico de paso procedente da rúa Braña que discorre pola parte posterior da Praza de Abastos e pola Biblioteca e Museo Municipal deberá continuar pola rúa Perillana e saír á Avenida de Castelao. O primeiro tramo da rúa do Baratillo, dende a Biblioteca até a fonte, convértese nunha rúa sen saída destinada dende hoxe a acceso a garaxes e á única actividade comercial existente no lugar. A partires da fonte non se poderá circular agás vehículos autorizados.
A Concellaría de Mobilidade explica que a subida do Baratillo só poderá ser utilizada polas persoas usuarias do garaxe existente na zona intermedia da costa. Os días de feiras e mercados, mentres se manteñan postos ao redor do auditorio, tamén poderán subir pola costa do Baratillo os vehículos autorizados a entrar na zona peonil de Esperanza e República Arxentina e os residentes de Ferreiros e garaxes da Calexa. Os sábados pola tarde e domingos, coa peonalización do centro urbano, os vehículos autorizados poderán acceder a todas esas rúas por Braña e Fernández Vega, rodeando o auditorio.
Por outra banda, a rúa San Roque abríuse á circulación de vehículos tralo remate da súa humanización. Este vial, que une a rúa Ferreiros con Avenida de Castelao, é agora unha rúa residencial, de preferencia peonil e cunha parte en plataforma única pola que os vehículos deben circular a 10 km/h e respectando a preferencia dos peóns.
Roberto Mera lembrou que estas actuacións están dirixidas a reducir sustancialmente o tráfico no centro da vila, limitando a circulación de vehículos a aqueles que realmente o precisan por razóns xustificadas. Mera explicou que “o Concello está comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel promovidos pola ONU para reducir as emisións de CO2, o ruido e a inseguridade viaria, recuperando os espazos para as persoas, promovendo os desprazamentos a pé e facendo do entorno urbano un lugar habitábel e un espazo para a convivencia e a relación social”.