Ponteareas | O Concello de Ponteareas insiste para que o Goberno do Estado impulse dous proxectos “moi necesarios para a vila”: a mellora da seguridade viaria na estrada N-120 ao seu paso polo municipio, e a variante da A-52.
Tras unha reunión nos pasados días coa Subdelegación do Goberno, na que participou tamén un representante da Plataforma N-120 e a segunda tenente de Alcaldesa, Chus Garrote, ante a falta de información concreta, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, púxose en contacto co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, solicitando de maneira urxente información sobre o estado destas actuacións, os seus prazos e a previsión de importes.
“É imprescindíbel que o Ministerio impulse estas actuacións coa maior dilixencia. A situación requíreo, levamos xa moitos anos escoitando promesas, e non podemos permitir máis demoras nin faltas de concreción”, reclama a rexedora. Así mesmo, considera “imprescindíbel que o Ministerio poña sobre a mesa un cronograma cos prazos concretos e verificables, aos que o goberno ponteareán fará seguimento, e onde se establezan as diferentes fases do procedemento para chegar á execución destas obras”.
En canto nova Variante ou Circunvalación, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, lembrou que, como se incidiu na xuntanza dos pasados días coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, “o trazado co que se iniciaron as negociacións co Concello xa contemplaba que a variante unise o enlace da A-52 coa N-120 á altura do Barral, e sempre deixamos claro que ese era o noso interese”.
Neste sentido, Fernandez Davila considerou “positivo” que o recente trámite ambiental confirme que o trazado previsto dende hai tempo é o mellor dos posíbeis, polo que “é momento de avanzar sen máis atrasos cara un proxecto que se converta en obra e poña solución a este problema que levamos décadas padecendo”, sinalou.
O pleno de Ponteareas reúnese este martes para tratar a situación destes dous proxectos. “Unha nova resposta unánime de todas as forzas políticas pode ser un bo impulso para estas actuacións tan importantes”, incide Cristina Fernández.