Ponteareas | A Xunta de Goberno Local acordou pedir a diferentes organismos a “declaración de emerxencia” polos graves danos acontecidos
O Concello de Ponteareas vén de remitir un escrito á Vicepresidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Infraestruturas, a Augas de Galicia, ao Ministerio de Fomento e a Demarcacións de Estradas do Estado solicitando a “declaración de emerxencia” no municipio e demandando apoio económico destas administracións para arranxar os danos provocados polos temporais acontecidos durante os meses de xaneiro e febreiro en Ponteareas, os cales, segundo unha primeira estimación, superan os 400.000 euros.
Estas inclemencias meteorolóxicas provocaron graves prexuízos en todo tipo de estradas municipais, provinciais, autonómicas e mesmo nalgúns puntos da N-120 e na A-52. Danos por desprendementos, inundacións e mesmo deterioro coa aparición de buracos, baches ou cortes no firme das estradas.
Os danos máis cuantiosos atópanse, no derrubamento de muros en varias parroquias, no levantamento de tellados, nos estragos causados en diversos tipos de maquinaria por inundacións e en xeral no interior de instalacións deportivas como a piscina municipal, os estadios de Pardellas, Angoares ou Moreira. Tamén será preciso realizar arranxos en varios parques infantís e sendas peonís como o paseo fluvial do río Tea dende o núcleo urbano ata Padróns
Por todo isto, a Xunta de Goberno Local acordou pedir apoio económico a todas as administracións previamente mencionadas, entendo que a reparación destes danos “é de urxente necesidade e que o Concello non pode facer fronte, por si mesmo, a unha cantidade de diñeiro tan elevada”, sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.