Ponteareas | O Concello de Ponteareas é o primeiro de Galicia en deseñar o seu futuro verde e dar un paso en firme na mellora da calidade de vida da cidadanía. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello a estratexia “Infraestrutura Verde de Ponteareas” que contempla 8 obxectivos, 40 liñas estratéxicas, 50 accións e 43 propostas concretas a desenvolver nas 24 parroquias.
Acompañados da concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, do decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia e director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza, e da arquitecta paisaxista Nuria Freire foron os encargados de explicar esta rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas.
“Coñeceremos a fondo os nosos recursos naturais para respectalos e conservalos como o pulmón da vida en Ponteareas e planificaremos o noso crecemento en harmonía co medio natural procurando nel un aliado”, resumía a alcaldesa que adiantaba que o orzamento do vindeiro ano, 2025, xa contemplará partidas para a execución das primeiras accións da Infraestrutura Verde de Ponteareas.
“Xa estamos implantando esa conciencia verde e este ano a Confederación Hidrográfica realizou actuacións de mellora no río Tea, convocamos o primeiro Concurso de balcóns floridos e conseguimos varios galardóns do movemento Vilas en Flor Galicia, pasos previos á implantación da estratexia presentada hoxe”.
Ponteareas posiciónase así á cabeza das entidades locais que, de acordo ás directivas europeas, estatais e autonómicas, planifica o seu futuro da man de solucións basadas na natureza (SBN). A Infraestrutura Verde de Ponteareas garante a redución da fragmentación de hábitats e ecosistemas, a mellora da conectividade ecolóxica no territorio, a provisión de servizos ecosistémicos clave para o benestar humano, a mitigación dos efectos do cambio climático tanto no ámbito rural como urbano, e a mellora da resiliencia climática e capacidade de adaptación da sociedade fronte ao cambio climático e aos riscos derivados.
Felicitación pola iniciativa
“Quero felicitar a Nava Castro por esta iniciativa de desenvolver e poñer en marcha a estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas, converténdose no primeiro concello de Galicia en contar cun instrumento de planificación integral para a mellora da xestión territorial a longo prazo baseado nos criterios de sostibilidade, conectividade ecolóxica e orientado á mellora da calidade de vida e o benestar da cidadanía”, manifestaba o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Este documento contempla reducir os efectos da fragmentación e da perda de conectividade, restaurar os hábitats, ecosistemas e espazos naturais e seminaturais, manter e mellorar a capacidade dos elementos da infraestrutura verde e da biodiversidade, mellorar a resiliencia e o vínculo social e cultural das persoas coa natureza, fomentar a investigación e mellorar o coñecemento en materia de infraestrutura verde a través da comunicación, educación e participación dos distintos grupos de interese.
Accións a realizar
Silvia Fernández sinalou algunhas das accións que se contemplan como a realización dun estudo da biodiversidade nas áreas núcleo e corredores ecolóxicos da infraestrutura verde municipal; a revisión do trazado das vías propostas no PXOM que supoñen afeccións a áreas núcleo ou corredores ecolóxicos, coa avaliación de alternativas de baixo impacto; ou o desenvolvemento de medidas de xestión ecolóxica dos tramos de corredores fluviais afectados por liñas de alta tensión, tendidos eléctricos ou cortalumes convencionais.
Os técnicos da Fundación Juana de Vega insistiron na importancia de contar cunha ferramenta de planificación pensada a longo prazo e para todo o territorio que recolla as accións necesarias para desenvolver ata 2050.
Un estudo de atropelos de fauna, a restauración ecolóxica e deseño do “parque-viveiro das alfombras florais” no espazo de oportunidade entre a rúa de San Joaquín/Santa Ana e a Rúa Real (N-120); a restauración ecolóxica da praia fluvial da Freixa e integración paisaxística do camping aplicando criterios de baixo impacto (LID), ou a naturalización de solares en espera de urbanización para evitar a proliferación de especies exóticas invasoras son outras das accións da Infraestrutura Verde de Ponteareas.
Ademais, a restauración ecolóxica e paisaxística da contorna do novo mercado de abastos na zona industrial de Aceiros do Tea, coa recuperación do patrimonio industrial; a restauración ecolóxica integral da contorna do complexo deportivo Álvaro Pino para recuperación do corredor fluvial Rego da Venda – Río Tea e mellora das edificacións mediante solucións baseadas na natureza (SBN); a creación de novos espazos verdes; o impulso de proxectos de colaboración a nivel supramunicipal; unha ordenanza municipal de infraestrutura verde; un plan de arborado ou manuais de boas prácticas completan a relación de accións, que tamén contemplan cursos e xornadas divulgativas para implicar á cidadanía no desenvolvemento da súa infraestrutura verde.
70.000€ en axudas para traídas de augas
A concellería de Infraestruturas do Concello de Ponteareas, que dirixe Raquel Bautista, informa que xa se publicaron no Boletín Oficial da Provincia as bases para solicitar as axudas para as comunidades de usuarios de augas de consumo.
O Concello de Ponteareas destina unha partida de 70.000€ de fondos propios para axudar ás traídas de augas legalizadas a cubrir gastos de adquisición de equipamentos e materiais así como man de obra para tarefas de limpeza e mantemento, captación de augas, mantemento dos sistemas de almacenamento e potabilización, rede de distribución da auga, conexións eléctricas, sistemas de bombeo, peches e seguridade nas instalacións, publicidade, cartelería, asesoría, xestoría ou consultoría, medición e control da calidade da auga, inscrición no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo e realización de protocolo sanitario, entre outros traballos.
Raquel Bautista sinala que en Ponteareas existe preto de sesenta comunidades de usuarios de augas de consumo que desenvolven un servizo básico de abastecemento de auga potable fundamental para o día a día das veciños e veciños.
As comunidades de usuarios poderán optar ata un total de 4.000€ de subvención e deberán presentar as súas solicitudes antes do día luns 5 de agosto.
Na páxina web do Concello poderán consultarse as bases no apartado “convocatorias, axudas e subvencións” ou directamente premendo nesta ligazón https://portal.ponteareas.gal/documento/concesion-de-subvencions-municipais-as-comunidades-de-usuarios-de-augas-de-consumo-do-concello-de-ponteareas-para-gasto-corrente-o-ano-2024/