Ponteareas | A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Ponteareas para analizar a posibilidade de creación dunha comunidade enerxética local a través da Oficina de Transformación Comunitaria da institución provincial +Renovables.
O deputado provincial, Javier Tourís, e a alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, reuníronse esta mañá na vila do Tea para estudar a posta en marcha dunha comunidade de produción de enerxía fotovoltaica para equipamentos públicos do concello.
Tourís puxo a disposición do goberno local de Ponteareas os servizos de acompañamento, asesoramento e formación da Oficina provincial de Transformación Comunitaria +Renovables, financiada cos fondos NextGenerationEU e con sede no Polígono de Barro. En concreto, o deputado provincial explicou que a través da oficina daráselles acompañamento especializado para avaliar o potencial do proxecto de constitución da comunidade enerxética e identificar a mellor forma xurídica para a súa xestión e as mellores formas de financiamento.
O deputado provincial tamén engadiu que a través de +Renovables estase a prestar asesoramento para a redacción dos estatutos e normas de participación das comunidades enerxéticas, así como para localizar e deseñar os proxectos de xeración eléctrica e redactar o proxecto de execución. Ademais, Tourís informou que a Oficina provincial de Transformación Comunitaria inclúe accións de formación tanto para os xestores da comunidade enerxética como para o persoal do propio concello.