Ponteareas | O Concello de Ponteareas conta xa cunha folla de ruta para o desenvolvemento urbano e o progreso socioeconómico nos vindeiros anos. A alcaldesa Nava Castro, acompañada pola deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro e a concelleira de Urbanismo e Axenda 2030, Silvia Fernández, presentaron as liñas principais da Estratexia Ponteareas 2030.
A Estratexia Ponteareas 2030 é un documento aliñado coa Axenda Urbana Española e a Axenda 2030 das Nacións Unidas no que se analiza a situación actual do Concello. “Esta análise levouse a cabo logo de diversas consultas aos diferentes actores sociais nas que se solicitou a aportación de ideas garantindo a escoita activa. A partir de aí elaboramos un plan de acción baseado no marco estratéxico das Axendas a longo prazo e conforme á tripla dimensión da sostibilidade: a ambiental, a económica e a social”, en palabras de Rubén Pérez, responsable de Consultoría de AAPP de Dos Espacios.
O plan consta de 32 actuacións que se artellan arredor de cinco grandes liñas estratéxicas identificadas como prioritarias para o desenvolvemento sostible do municipio. A primeira é a sostibilidade ambiental, a través da xestión eficiente de recursos naturais e culturais e a implementación da infraestrutura verde municipal. A equidade territorial entre o rural e o centro urbano mediante políticas de mellora dos servizos públicos, é a segunda para que todos os veciños e veciñas conten cos mesmos servizos.
A terceira liña, baixo o nome é ‘Ponteareas, un lugar para vivir’, debulla as actuacións que perseguen a mellora de espazos públicos e edificacións, especialmente no casco vello, así como diversas actuacións para garantir e impulsar a cohesión social e o desenvolvemento económico que ofreza oportunidades para todos.
As dúas últimas liñas recollen medidas tendentes á mellora dos servizos municipais garantindo a súa accesibilidade e calidade para todos os veciños e veciñas. E finalmente, a última liña, con medidas de impulso á transformación tecnolóxica e á redución da fenda dixital.
Silvia Fernández, concelleira de Urbanismo e Axenda 2030 destacou “a necesidade que tiñamos de contar cunha estratexia adaptada aos retos actuais, pero tamén aos que veñen, en materia de desenvolvemento urbanístico, económico, de aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais. Todo para garantir un futuro equilibrado para todos os cidadán e as cidadás”.
Pola súa banda, a deputada provincial de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, Belén Cachafeiro, salientou “a importancia de que os concellos conten con plans estratéxicos de innovación para estar en posición de captar fondos públicos cos que desenvolver as súas actuacións. Ponteareas é un dos primeiros concellos en estar preparado”, destacou.
Segundo a alcaldesa, Nava Castro, a Estratexia Ponteareas 2030, “é un documento no que se analizan as eivas e as fortalezas e que demostra que somos un concello dinámico e con moitas posibilidades se somos capaces de encamiñar as actuacións. O documento levarase ao seguinte Pleno municipal para estar preparados de cara á captación da vindeira convocatoria de fondos”, indicou Castro.