Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, participou en Bruxelas como conferenciante nun foro de política urbana no que explicou ante participantes de nove países da Unión Europea o modelo de desenvolvemento urbano da vila, centrado especialmente na recuperación de espazos públicos para as persoas, así como o modelo de rede de calor municipal.
“Dende a nosa chegada ao Goberno municipal comezamos a traballar na planificación dun novo modelo de desenvolvemento urbanístico para o núcleo principal. A nosa visión era clara: unha cidade que puxera ás persoas no centro do deseño dos espazos públicos, que fomentara a actividade física e a saúde e que fora desprazando o tráfico de vehículos fóra do centro urbano”, explicou a rexedora durante o encontro.
No foro os e as asistentes debateron modelos de éxito en cuxas experiencias se basean as futuras políticas urbanas, tanto no ámbito dos contidos como no dos fondos europeos cos que se viabilicen. Así, Fernández Davila, resaltou a consecución da EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, que permitiu á vila contar con 5 millóns de euros de fondos europeos FEDER para desenvolver o novo modelo e poñer en marcha estratexias “para ofrecer á veciñanza espazos amábeis nos que poida combinar lecer e descanso”.
“Ponteareas é cada vez máis un lugar no que as persoas poden gozar dos espazos públicos como puntos de encontro e convivencia. E seguimos traballando para consolidar ese modelo na nosa vila”, recalcou a alcaldesa.
O Camiño Escolar Seguro, o cambio das luminarias públicas a tecnoloxía LED ou as obras de eficiencia enerxética e a posta en marcha da rede de calor municipal foi algún dos puntos nos que afondou Fernández Davila. A participación de Ponteareas foi apoiada polo Eixo Atlántico, que segue con especial interese a experiencia da rede de calor con biomasa como fonte de enerxía renovábel, que considera moi innovadora.
Unha rede que dará servizo a diferentes edificios públicos de Ponteareas, como a residencia Santa Ana, o Centro de Día, o Centro Social ou a Escola Infantil, substituíndo os actuais combustíbeis, gasóleo e electricidade, por estela para a calefacción e auga quente das instalacións municipais.
A alcaldesa compartiu conferencia coa vicepresidenta da Cámara de Guimaraes, Adelina Pinto; a rexedora da localidade italiana de Empoli, Brenda Barnini; e co eurodiputado Marcos Ros.
Debido a pandemia, os programas europeos 2021-2027 sufriron unha parálise e grande atraso, polo que neste momento as cidades están presentando en Bruxelas proxectos e experiencias innovadoras relacionadas co desenvolvemento de política urbana que poden ser obxecto de financiamento.