Ponteareas | A festa do Corpus Christi de Ponteareas por fin está no lugar que lle pertence e vimos de presentar o cartel da edición deste ano na Feira Internacional de Turismo, FITUR” adianta a alcaldesa Nava Castro que xunto ao tenente de alcalde, Juan Carlos González, ao concelleiro de Turismo, Nicolás Rodríguez e acompañados do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presentaron no stand de Galicia o cartel do Corpus Christi 2025. Durante a Feira, a alcaldesa convidou ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez, á participar nas celebracións do Corpus Christi.
O Concello de Ponteareas posiciona así a festa do Corpus Christi na cita máis importante do sector Turismo e resolve unha demanda histórica das e dos alfombristas. “Pola súa importancia e polo seu alcance, este ano e por vez primeira o cartel do Corpus Christi de Ponteareas foi presentado en FITUR. Era unha conta pendente, recoñecer a nosa festa máis importante, un dos nosos sinais de identidade que leva o nome de Ponteareas polo mundo adiante e ademais é un recoñecemento ao esforzo das e dos nosos alfombristas”, sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura.
Declarada Ben de Interese Cultural na categoría inmaterial, esta festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2009 visibiliza o sentir dun pobo, a tradición dunha vila e a sabedoría popular transmitida ano tras ano, veciño a veciña e xeración tras xeración. Máis de 170 anos recollidos en documentos históricos respaldan o querer das alfombras de Corpus Christi de Ponteareas.
O traballo nos portais, as tarefas de conservación da materia, os obradoiros nas escolas, as visitas das delegacións estranxeiras de alfombristas ou o irmandamento coa villa da Orotava son algúns dos ingredientes dunha festividade que volve florecer e procura o recoñecemento da UNESCO.
En FITUR tamén se presentará a décimo terceira edición do Festival Groba, unha semana na que difundir a música de cámara nos seus diversos formatos, por en valor a creación compositiva do Mestre Groba e achegar a música ao maior número de público. Músicos da escena nacional e internacional actuarán en Ponteareas e interactuarán coa cidadanía e cos músicos locais durante toda a semana.
A alcaldesa, Nava Castro, convida a vivir a arte de Ponteareas en FITUR e no stand da Xunta de Galicia difundirá o nome da vila a través da música, a través da arte efémera das alfombras e a través das exposicións que acolle a recentemente inaugurada residencia de artistas Artistea. Neste espazo o goberno local difundirá a riqueza medioambiental e o patrimonio histórico así como as súas principais citas festivas como a Feira Tradicional dos Remedios.