O Corpus Christi de Ponteareas foi un dos protagonistas este venres en FITUR, unha das feiras de turismo máis importantes a nivel internacional que cada ano se celebra en Madrid. A alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila, formou parte do acto de Turismo de Galicia, ‘Galicia, un ano de Festas’, no que se presentaron todas as Festas galegas de Interese Turístico Nacional e Internacional.
“Para nós é un orgullo participar nesta feira internacional para dar a coñecer ao público o noso Corpus e as nosas alfombras. É o noso reclamo máis importante, pero sabemos que se se achegan á nosa vila seremos quen de conquistalos e conquistalas por todos os recursos turísticos dos que dispoñemos, como son a cultura, a natureza, o patrimonio e as nosas festas”, explicou a rexedora.
Ponteareas proxectou ante os centos de persoas presentes no encontro a peza audiovisual titulada ‘As mans do Corpus’, un adianto do traballo encargado pola Concellaría de Turismo e que se presentará ás e aos alfombristas e á veciñanza en breve.
Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou ao público que a singularidade do Corpus ponteareán “radica no traballo colaborativo que realiza durante todo o ano un pobo envorcado na planificación, deseño, preparación de material e creación dun quilómetro de alfombrado no centro urbano”. “Estamos ante un traballo interxeracional entre as e os alfombristas, xa que son as persoas con máis experiencia as que transmiten todos os seus coñecementos e as técnicas empregadas ás máis novas”, recalcou a rexedora.
Fernández Davila convidou ao público a gozar da experiencia dos sentidos que ofrece a semana completa das alfombras “nunha vila acolledora que recibe ás persoas visitantes cos brazos abertos, facéndoos artícipes da festa”.
Durante a presentación, dirixíndose á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a alcaldesa recordoulle que Ponteareas está desexando ser informada da declaración do Corpus Christi ponteareán como BIC Inmaterial canto antes, un recoñecemento “ao que ten dereito por méritos propios a nosa maior obra de arte colectivo”.