O Concello de Ponteareas presente, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR 2012, para presentar o venres, 20 de xaneiro, a súa oferta turística e cultural.
O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, será o encargado de presentar no máis importante foro europeo en materia de turismo, ao Concello de Ponteareas como destino turístico de calidade.
Nese sentido, o responsable municipal de Cultura, reafirmará a aposta do Concello pola Festa do Corpus Christi e pola súa universalización que, como o propio Andrés Sampedro sinalaba “viuse avalada pola súa declaración, no ano 2009, como Festa de Interese Turístico Internacional o que fai que, ano tras ano, teñamos que esforzarnos en seguir mellorándoo para continuar sendo o que é nestes momentos, un exemplo a seguir por moitas cidades de todo o mundo que comparten, con nos, a tradición da confección dos tapices florais”.
De cara a acadar unha maior difusión internacional, recalca Andrés Sampedro, contamos todos os anos, e dende a celebración en Ponteareas do III Congreso Internacional de Arte Efémera, coa representación dunha delegación estranxeira que comparte con nos este vínculo común. Este ano, adianta o titular de Cultura, será a delegación de Antigua Guatemala (Guatemala) a que amose o seu facer na confección de alfombras florais, “o que supón un excelente intercambio de experiencias para todos”.
Por outra banda, FITUR ofrece un magnífico escaparate no que presentar a ampla oferta turística que Ponteareas ofrece nos apartados histórico, cultural, natural e gastronómico e que conta, cada ano, cun maior número de visitante e que converte a Ponteareas nun máis que interesante destino.