Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de acadar para tres servizos municipais tres distintivos SICTED, un certificado promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias que premia o compromiso de institucións, entidades e empresas coa calidade.
A alcaldesa, Cristina Fernández, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, recolleron estes distintivos dentro da III Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta celebrada este luns.
Nesta nova edición da gala a rexedora subiu ao escenario para recoller os recoñecementos outorgados ao Museo Municipal de Ponteareas, ao punto de información turística da vila e ao Centro de Interpretación do Río Tea, CITEA.
“É un orgullo recibir estes distintivos que recoñecen o labor a prol da difusión turística, cultural e patrimonial que estamos a desenvolver dende o Goberno municipal, apostando sempre por ofrecer servizos de calidade tanto á veciñanza como ás persoas visitantes”, salientou Fernández.
A rexedora quixo gabar tamén a aposta dos establecementos e empresas de Ponteareas e do resto do territorio do Xeodestino Condado-Paradanta “pola calidade, convertendo os servizos e produtos que ofrecen nun elemento diferencial capaz de atraer turismo”.
Fernández quixo facer un recoñecemento especial a Adega Rubén e B The Travel Brand, que na gala celebrada onte recolleron tamén os seus certificados de calidade turística.