Ponteareas | O Sergas, debido a falta de persoal facultativo que poda substituír baixas ou vacacións, decidiu interromper todas as consultas ordinarias en horario de tarde no centro de saúde de Ponteareas, e derivar aos pacientes de urxencia ou que xustifiquen que non puideron acudir de mañá ao PAC.
A alcaldesa e concelleira de Saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reclama, cun escrito enviado hoxe á Xerencia do Sergas, a incorporación de profesionais sanitarios para evitar que siga mermando o servizo en Ponteareas.
No escrito lembra que a atención primaria no municipio presenta unha falta de recursos materiais e humanos que cada vez son máis preocupantes. Para a alcaldesa non é aceptable que moitos veciños e veciñas teñan que aprazar todas aquelas revisións ou probas que non se precisen de xeito inmediato, e lembra que, “en numerosas ocasións”, o Concello reclamou ao Sergas unha solución á falta de servizos e persoal sanitario, pero que, polo de agora, a situación continúa no mesmo punto.
Cristina Fernández asegura que o Concello de Ponteareas “sempre terá a man tendida para colaborar coa Xunta de Galicia para mellorar a situación actual”, e aproveita para lembrar que “investir en servizos prioritarios para as galegas e galegos como é a sanidade pública debe ser a maior prioridade”.