Ponteareas | Reclamar dereitos para un grupo social que supón o 9% da poboación. Ese foi o obxectivo co que Concello, Asociación Adapta, Federación Cogami Pontevedra e veciñanza se deron cita este 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no salón de plenos nun acto que buscaba reclamar medidas que garantan os dereitos das persoas con discapacidade para estar en igualdade de condicións que o resto da sociedade.
Porque, como recollía o manifesto lido durante o acto, “para poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisamos dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas”.
Con esta iniciativa púxose de relevo a discriminación estrutural e histórica, “que se incrementa cando os recursos existentes non alcanzan ás persoas con discapacidade de xeito efectivo, como a raíz das demoras na obtención da valoración do grao de discapacidade, os aprazamentos e retrasos na implementación da accesibilidade universal dos distintos ámbitos, a denegación de axustes razoábeis ou a insuficiencia de medios e recursos para garantir unha vida autónoma e en comunidade”.
Unha discriminación que, como salientaron todas as persoas que participaron neste acto conmemorativo e reivindicativo, “segue presente no ámbito educativo, laboral, social, sanitario, xudicial, lexislativo… A nosa sociedade mellorou en moitos aspectos, pero aínda queda moito para poder vivir en igualdade de oportunidades”.
A obtención do certificado de discapacidade, o acceso aos recursos do catálogo ortoprotésico ou aos servizos de atención temperá na contorna ou a falta de medios nos centros escolares son problemáticas que afondan nesa desigualdade provocando unha fenda que é necesario eliminar, e só poderá facerse traballando para deseñar unha sociedade que teña en conta a accesibilidade universal en cada uno dos apartados da vida.
O manifesto remataba co Concello, Adapta, Cogami e todo o movemento asociativo reclamando “que se garantan mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade”.
O acto de conmemoración pechouse coa presentación da vindeira edición do concerto de Nadal da Banda de Música de Guláns o 17 de decembro ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, no que a asociación Adapta dará a coñecer ao público asistente o centro que se está a reformar en Canedo e os recursos que alí vai a haber.
O Goberno municipal quixo agradecer esta iniciativa por parte da Banda de Música así como a presenza de todas as persoas que nos acompañaron nesta xornada de reivindicación.