Ponteareas | O Concello recupera a ponte situada na parroquia de Fontenla, un dos elementos patrimoniais da vila que na actualidade presenta un estado de deterioro por mor dos temporais que rexistrou o municipio o pasado mes de xaneiro de 2023. A actuación conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra.
As obras que posibilitarán restablecer a estrutura da ponte xa comezaron e terminarán, segundo o calendario previsto, antes de que finalice este ano 2024. A actuación foi adxudicada a unha empresa local por un valor de 50.795,8 euros.
A intervención consiste, principalmente, na restitución do tramo da ponte que se desprendeu e que provocou a caída de diferentes árbores. Estas labores permitirán que a veciñanza de Fontenla conte de novo con esta infraestrutura para ser empregada como vía de tránsito e, ademais, recuperar un dos atractivos para os visitantes do municipio.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, apunta que “axilizamos este expediente para que, canto antes, se comezara esta obras que permitirá recuperar a ponte”. Ademais, indica que “o temporal que rexistrou o municipio o pasado mes de xaneiro de 2023 provocou que se desprendera parte da súa estrutura, imposibilitando o seu uso por parte dos veciños e das veciñas” e que “o noso obxectivo é atender ás solicitudes dos veciños e das veciñas así como coidar dos nosos elementos patrimoniais dos que dispoñemos na vila”.