Ponteareas | O Concello de Ponteareas mellora o sistema de gravación dos plenos municipais para que se poidan seguir en directo e en tempo real, coa instalación de cámaras de alta definición robotizadas de seguimento dos intervintes, e mellora do sistema de intervención e audio existentes, mellorando a calidade dos vídeos das sesións plenarias.
Este novo sistema comezou a funcionar xa no pleno que tivo lugar onte, 17 de xaneiro, data na que se levou a cabo unha proba piloto para verificar o seu correcto funcionamento. Os veciños e internautas poderán seguir a partires de agora as sesións plenarias da corporación de Ponteareas en streaming a través do canal municipal oficial de Youtube ( http://directo.ponteareas.gal), do canal municipal de Periscope (https://www.periscope.tv/ponteareas_gal), a través do canal municipal de Twitter (https://twitter.com/ponteareas_gal) e tamén a través da propia páxina web do Concello (http://www.concellodeponteareas.org).
O obxectivo do Concello é o dar unha maior difusión e transparencia a un dos órganos principais do goberno da cidade, o pleno municipal, que celebra as súas sesións por norma xeral tódolos terceiros martes de cada mes a partires das 20:00 h.
Dende a pasada lexislatura xa se gravaban os plenos e se ofrecían a través da páxina municipal nos días posteriores a celebración das sesións, pero sempre en diferido. “O sistema establecido para tal efecto era unha única cámara obsoleta herdada da antiga televisión municipal. Moitas veces sucedía que con este sistema tan arcaico algún individuo movía a cámara cara un lado e se ninguén se decataba, gravaba a parede, como sucedeu, por exemplo, coa sesión plenaria de investidura de xuño de 2015”, indica o edil de Novas Tecnoloxías e Transparencia, Benito Márquez.
O concelleiro sinalou que con esta iniciativa “avanzamos no compromiso de transparencia que é o piar fundamental do goberno tripartito actual de PSdG-PSOE, BNG e A Riada do Tea”. Asemade, explicou que “con esta iniciativa damos un paso máis na modernización da administración, avanzando cara unha institución máis aberta coas novas formas de socialización da sociedade”. Segundo afirmou, “a retransmisión dos plenos en directo non so a través da páxina web municipal, senón tamén das redes sociais fará que moita máis xente se achegue á xestión municipal e ás decisións máis importantes que son as que se toman nas sesións plenarias”.
“A idea é potenciar dende tódolos ámbitos e facetas un concello máis aberto, máis transparente e responsable, comprometido coa innovación e a calidade ao cidadán. Debemos pasar dunha administración do século XIX ao unha do século XXI adaptada á sociedade actual”.
A través deste novo sistema de gravación en directo, pasaranse a gravar en directo as roldas de prensa así como os diversos actos organizados polas distintas concellerías que teñan lugar no salón de plenos.
Non obstante, as sesións plenarias poderán seguirse igualmente como ata o de agora en diferido a través da páxina web municipal.
Nova iniciativa dentro do programa PonteInnova
A implementación deste novo sistema enmárcase dentro do Proxecto PonteInnova, proxecto transversal que xa foi presentado en xullo do 2016 polo Concelleiro Delegado de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, proxecto “que ten como fin o de realizar diversas iniciativas no campo das novas tecnoloxías e da innovación de cara a conectar a institución municipal coa era dixital”. Esta é a segunda das iniciativas que se levan a cabo dentro deste proxecto. A primeira fora o lanzamento dunha aplicación de móbil gratuíta, creada a custe cero polo propio Departamento de Informática do Concello, dispoñible para sistemas operativos Android e iOs, coa que se pretendía “manter informada á cidadanía das novidades do Concello”.