Ponteareas selecciona os cinco proxectos finalistas para a súa nova Biblioteca Pública

Os cinco finalistas terán 30 días para desenvolver e presentar un anteproxecto entre os que se decidirá a proposta gañadora

Ponteareas | O concurso de ideas para a rehabilitación do edificio do Mercado de Abastos en Biblioteca Pública Municipal deu un paso máis ao seleccionar o xurado os 5 proxectos finalistas de entre os 102 presentados que optarán á redacción e dirección do proxecto.

Os cinco finalistas son os proxectos cos seguintes lemas: ‘Nao Senlleira’, ‘No era un sombrero’, ‘Kunsthalinho’, ‘Condensador Urbano’ e ‘O Castro Urbano’.

Estes cinco estudios seleccionados contan agora con 30 días para desenvolver a idea presentada a nivel de anteproxecto de entre os que se elixirá a proposta gañadora, que conleva un premio de 10.000€ e se outorgarán un segundo e terceiro por valor de 7.500€ e 5.000€ respectivamente, así como dous accésits de 2.500€, segundo informa a concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas. A proposta que resulte seleccionada será a encargada de redactar o proxecto final e levar a cabo a dirección da obra.

A alcaldesa, Nava Castro, manifesta a súa satisfacción ante este novo avance que “nos pon ás portas do desenlace dun concurso con igualdade de oportunidades tanto para novos talentos como para os consagrados ao non haber esixencias de solvencia. Queda demostrado que ir da man de expertos como neste caso o Colexio de Arquitectos de Galicia é garantía de procesos máis exitosos e obras que melloren a vida das persoas”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.