Ponteareas solicitará ao Estado a cesión dun tramo da N-120

Para a mellora da seguridade do alumnado do IES do Barral

Ponteareas | A Corporación do Concello de Ponteareas aprobou no último pleno do ano, celebrado onte, solicitar ao Estado a cesión dun tramo da N-120, tal e como xa llo propuxera a alcaldesa Nava Castro ao subdelegado do goberno Abel Losada na reunión mantida hai unhas semanas. O Pleno acordou facultar á alcaldesa como representante do Concello en todos os trámites e comezar así coa solicitude de cesión do tramo da estrada N-120 dende a Capela dos Remedios a IES Barral para que bese tramo urbano sexa a estrada municipal.

Este cambio de titularidade permitirá unha intervención máis áxil na mellora da seguridade do alumnado do IES do Barral e da veciñanza da contorna, unha planificación do territorio en función das necesidades locais e superar as trabas que actualmente dificultan a rehabilitación das vivendas catalogadas, especialmente en áreas históricas como o casco vello de Ponteareas, onde a situación actual está provocando a degradación urbana e o incremento de vivendas baleiras. A titularidade municipal facilitará a realización de proxectos que promovan a revitalización da contorna e o aproveitamento destes inmobles.

Ao pasar a ser unha estrada municipal simplificaranse significativamente os procedementos administrativos. Isto axilizará a execución de iniciativas locais, permitindo ao Concello responder con maior rapidez ás necesidades da comunidade.

Unha das principais preocupacións á que poderá responder este cambio é a mellora da seguridade e accesibilidade, especialmente en zonas sensibles como os accesos ao IES do Barral. Coa cesión, poderase acometer obras específicas para garantir a seguridade das e dos escolares e demais usuarios do vial, mellorando as condicións de tránsito e reducindo riscos asociados.

Explica a alcaldesa, Nava Castro, que “a cesión solicítase considerando que a titularidade municipal redundará no beneficio público e permitirá atender máis eficazmente as necesidades urbanísticas e de mobilidade da poboación”.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas explica que a titularidade municipal posibilitará integrar este tramo dentro da planificación urbana e das estratexias de mobilidade sustentable do Concello, permitindo unha xestión máis coherente e adaptada ás prioridades locais. “Un feito que contribuirá ao desenvolvemento económico e social ao facilitar infraestruturas máis funcionais e orientadas ao crecemento urbano”.

Ao asumir o Concello a xestión directa do vial, garantirase un mantemento máis eficiente e unha capacidade de resposta inmediata ante calquera necesidade, desde reparacións ata melloras na sinalización ou adecuacións no deseño do vial. A cesión, por tanto, representa unha oportunidade para reforzar a autonomía municipal e mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ponteareas.

Desbroce en estradas municipais
O Concello de Ponteareas informa que a cuadrilla de desbroces, xardíns e mantemento actuou en máis de seiscentos quilómetros de estradas municipais nas vintecatro parroquias priorizando no verán a celebración das festividades de cada unha delas.

A través da concellería de Desbroces, que dirixe Domingo Freitas, solicita a colaboración da cidadanía para manter as súas propiedades limpas. Salienta o concelleiro que dada a extensión do concello sempre queda moito por facer pero a colaboración da propiedade sempre contribúe para mellor. “Pedimos a colaboración no desbroce da vexetación e das pólas das árbores que saen dos recintos privados e invaden as estradas municipais inteferindo no paso de vehículos de transporte público e subministros”.

Catro persoas conforman o servizo de desbroce, podas e xardíns apoiadas polo tractorista municipal e por doce persoas dos programas de emprego da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia que reforzan o servizo durante nove meses contribuíndo a manter limpos torreiros de festas, estradas municipais e prazas e espazos públicos tanto do rural como do centro urbano. Ademais deste persoal, o Concello contou cun tractorista contratado ao abeiro destes programas que traballou con medios cedidos pola Xunta de Galicia. A cuadrilla de desbroces realiza tamén o mantemento dos xardíns e as podas das árbores en contornas públicas, neste aspecto a concellería pide o máximo respecto ás normas de convivencia recollendo o lixo das súas mascotas e non provocando danos nas prantas que embelecen a nosa vila así como non rompendo a sinalización respectiva.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.