Ponteareas | O Concello de Ponteareas súmase á implementación do programa Kit Dixital, unha iniciativa de axudas económicas dirixidas a pequenas empresas, micropemes ou persoas autónomas para dar un paso adiante na dixitalización das súas empresas.
A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández Soage, mantivo este luns un encontro informativo con persoas emprendedoras no Centro de Desenvolvemento Local para presentar este programa que “consiste en bonos dixitais de entre 2.000 e 12.000 euros, dependendo da empresa e do número de persoas empregadas, para poñer en marcha servizos ou solucións dixitais como unha páxina web, o comercio electrónico, a xestión de redes sociais, a xestión de clientes ou a factura electrónica”.
Acompañada de técnicos consultores especialistas, durante o encontro deuse a coñecer a todas e todos os participante a información e formas de solicitude deste programa do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado a través de fondos europeos Next Generation.
“Para nós é fundamental acompañar ás e aos emprendedores ponteareáns nese proceso de dixitalización, que sintan que non están sos ou soas no seu intento por adaptarse, crecer e mellorar”, salienta a concelleira.
Neste camiño en colaboración coa oficina Acelera Pyme e a consultora TIC INEO, todas as persoas interesadas en dixitalizar a súa empresa poderán ter de forma gratuíta asesoramento personalizado sobre a súa transformación dixital, participar en talleres e actividades de formación ou recibir información sobre o posible financiamento público para levalo a cabo.
Fernández Soage recalcou “o agradecemento unha vez máis a Zona Franca de Vigo e ao seu delegado, David Regades, polo seu apoio a Ponteareas para poder realizar esta xornada informativa”.