Ponteareas | O Concello de Ponteareas decidíu suspender as feiras e mercados dos sábados diante da situación sanitaria da localidade e das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia. A situación de risco extremo conlevou o peche de actividades como a hostalaría, a redución do horario de apertura do comercio e o peche das áreas comerciais en fins de semana.
O obxectivo das medidas adoptadas pola Xunta é reducir ao máximo o contacto social, reducíndoo ás actividades laborais e esenciais. Por ese motivo, o Concello decidíu suspender as feiras e mercados durante alomenos as vindeiras tres semanas por tratarse dunha actividade que xera contacto social. Unicamente se permitirá a instalación dos postos de produtos agroalimentarios.
Con esta é a terceira vez en menos de doce meses que o Concello se ve obrigado a suspender feiras e mercados: aconteceu primeiro durante a primeira onda, entre marzo e maio; posteriormente durante o mes de novembro con ocasión da segunda onda; e agora nesta terceira.
O goberno local veu facendo durante a crise sanitaria un importante esforzo de reorganización da feira para mantela con todas as medidas de seguridade asegurando que todos os postos puideran continuar exercendo a súa actividade. Para ese fin, ampliouse considerábelmente o espazo destinado aos mercados xerando maior separación entre os postos e creando máis espazo libre para os/as consumidores/as. Ademais, Protección Civil e a Policía Local viñeron realizando controis continuados para asegurar o cumprimento das normas sanitarias.
O goberno local agradece a comprensión do sector e lembra que só coa responsabilidade de toda a veciñanza se poderán reducir os contaxios e o impacto económico desta crise sanitaria.